marea de vigo exise á xunta claridade sobre a importancia das eivas detectadas no pxom en materia de mobilidade e viais.

4 de Febreiro de 2022


Marea de Vigo exise á Xunta claridade sobre a importancia das eivas detectadas no PXOM en materia de mobilidade e viais.

Rubén Pérez: “Queremos saber se os viais propostos son emendables no texto ou se, para a Xunta, trátase de infraestruturas de centralidade que obrigan a paralizar o proceso de aprobación”.

Vigo, 4-02-2022. Coñecida a intención da Xunta sobre a remisión de dezasete informes vinculantes sobre o novo PXOM de Vigo ao Concello, Marea de Vigo cualifica este feito como “normal dentro do procedemento de aprobación dun novo PXOM, no que as adminsitracions emiten informes sobre o planeamento urbanístico da cidade de Vigo”. Mais a Marea de Vigo, ao fio do Pleno Extraordinario celebrado o pasado martes, considera “necesario” formular algunhas preguntas. Rubén Pérez, voceiro do Grupo, cuestiona “se son suficientemente graves as eivas do documento que foi á aprobación inicial no Concello de Vigo como a existencia dun vial que non está xustificado no Plan, as dúbidas sobre a aprobación e a sinatura de determinados documentos que forman parte do expediente ou o feito de que non exista un Plan de Mobilidade rigoroso e actualizado no Plan Xeral e que tampouco exista un inventario de viais actualizado” para que o novo PXOM siga adiante.

A dúbida que ten que resolver a Xunta á cidadanía viguesa é, segundo Rubén Pérez, “se este Plan vai seguir adiante a pesar destas carencias e se consideran que a pesar de que o documento esta ‘moi mal’, se lle vai permitir con toda normalidade no trámite administrativo ata o ano 2023, ou se a administración autonómica vai propoñer unha paralización”. Dende a Marea de Vigo “pedimos ao Goberno local que responda a estas cuestións e á Xunta que resolva esta disxuntiva” engade Pérez.

Para Marea de Vigo, as eivas do novo PXOM, tanto na metodoloxía como en materia medioambiental, “son o suficientemente graves como para que tanto o Goberno local como a Xunta volvan a pensar seguir adiante nesta carreira por aprobar un Plan Xeral sen ter en conta a resposta social evidente e as dúbidas de moitos veciños e veciñas, grupos políticos e grupos ecoloxistas teñen sobre o desenvolvemento deste Plan” conclúe o voceiro municipal.