marea de vigo pide que o concello pule pola aplicación da nova lei de vivenda na nosa cidade.
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo pide que o Concello pule pola aplicación da nova Lei de Vivenda na nosa cidade.
Oriana Méndez: “Cremos que en Vigo poden darse os requisitos para que haxa zonas declaradas como ‘Zonas Tensionadas’ e polo tanto, susceptibles de ser de aplicación a nova Lei de Vivenda. Os actuais prezos dos alugueres, a falla de stock de vivenda en alugueiro e os preocupantes datos que saen dos servizos sociais así o corroboran”.
Os datos do catastro amosan que máis de 4000 vivendas na cidade de Vigo pertencen a 166 persoas físicas e a 124 persoas xurídicas, os “grandes tenedores” definidos no proxecto de Lei de Vivenda.
Vigo, 03-11-2021. Marea de Vigo considera que o Concello de Vigo debe comezar xa a traballar na adaptación da futura Lei de Vivenda á realidade viguesa, para o que insta ao Goberno local a “levar a cabo os estudos e informes que correspondan para delimitar que zonas da cidade poderían declararse coma Zonas Tensionadas” sinala a concelleira. Igualmente o Grupo considera que é preciso “presionar á Xunta para que esta Lei teña aplicación real en Galicia” apunta Oriana Méndez.
Marea de Vigo destaca, segundo Oriana Méndez, que “toda vez que en Vigo os gastos de vivenda supoñen, en moitos casos, máis do 30% dos gastos dunha unidade familiar e o incremento dos alugueres ten sido de máis de 5 puntos por enriba do IPC autonómico nos últimos cinco anos – requisito para a declaración da Zona Tensionada, segundo o proxecto de Lei – estamos ante unha realidade na que pode estudarse a aplicación a nova Lei de Vivenda”. Isto, sumado á falta de stock de vivenda en alugueiro, “obriga a levar a cabo unha estratexia para mobilizar a vivenda baleira en mans de grandes tenedores (con máis de 10 vivendas) , que, no caso de Vigo, e segundo os datos solicitados polo Grupo municipal da Marea de Vigo ao catastro, ascende a, como mínimo, máis de 4000 vivendas que estarían en mans de 166 persoas físicas e 124 persoas xurídicas” matiza a concelleira.
Marea de Vigo considera ademais que ante a previsible perda de ingresos que viñan do imposto da plusvalía, “ter a posibilidade de aplicar un IBI máis elevado aos grandes tenedores que non estean dispostos a poñer as vivendas en réxime de aluguer resultaría positivo ás arcas municipais sendo a aplicación deste imposto máis xusto coa veciñanza que o imposto da plusvalía” engade Méndez.
Marea de Vigo defenderá a aplicación da nova Lei de Vivenda con independencia do desenvolvemento do novo PXOM, no que o Grupo seguirá defendendo que os ámbitos de maior número de vivenda pública sexan desenvolvidos polo propio Concello e non por promotores privados.