marea de vigo solicita a inclusión da alameda da praza de compostela como ben de interese cultural para elevar o seu grao de protección.

7 de Febreiro de 2022

Marea de Vigo solicita a inclusión da alameda da praza de Compostela como Ben de Interese Cultural para elevar o seu grado de protección.

Oriana Méndez: “A día de hoxe, e xa pasado o Nadal, a araucaria que hai nos xardíns segue ‘coas luces postas’ cando, ademais de que en Vigo está prohibido, trátase dunha árbore que se atopa no Catálogo de Árbores Singulares de Vigo”

Vigo, 07-02-2022. Marea de Vigo vén de comprobar a ausencia da alameda da praza de Compostela no rexistro de BIC da Xunta de Galicia, e entende que debe ser o Concello de Vigo quen inicie a tramitación ante a Xunta para que haxa un grao de protección para todo o espazo da alameda da praza de Compostela, “sendo este un dos xardíns máis antigos da cidade, de finais do século XIX, o que fai que a súa ausencia coma BIC sexa canto menos sorprendente” apunta a concelleira.

Deste xeito, Marea de Vigo súmase unha vez máis as denuncias feitas por asociacións ecoloxistas e veciñais con respecto ao coidado deste espazo, “que é preciso protexer para evitar os destrozos producidos tanto pola instalación de elementos durante o Nadal coma polo uso que se fixo do espazo – sinala Oriana Méndez -. O Nadal debe ser compatible co coidado do noso patrimonio cultural e natural, e estamos a tempo de facer que o vindeiro Nadal sexa respectuoso co noso entorno”.

Marea de Vigo lembra ademais que no tempo de suxestións ao novo PXOM, solicitou a concreción dun Plan de Infraestruturas Verdes e Biodiversidade que permitise unha planificación global para a protección e potenciación do patrimonio natural e a biodiversidade de Vigo, “suxestión que foi totalmente ignorada polo Goberno local – engade Méndez -. O Concello de Vigo debe impulsar a conservación do patrimonio verde e por iso esiximos que o Concello de Vigo solicite de xeito inmediato á Xunta a declaración da alameda da praza de Compostela como BIC”. Igualmente, e de non facelo o Goberno local “que é a quen lle corresponde”, afirma a concelleira, Marea de Vigo tamén solicitará a declaración da alameda como BIC.