marea de vigo solicita máis compromisos e recursos municipais no dia internacional das persoas con discapacidade.

3 de Decembro de 2021

Marea de Vigo solicita máis compromisos e recursos municipais no Dia Internacional das Persoas con Discapacidade.

Oriana Méndez: “A promoción da accesibilidade é un instrumento fundamental para facer efectivo o principio de igualdade da cidadanía”.

O Grupo municipal da Marea de Vigo lembra que existen mecanismos municipais e compromisos adquiridos coas persoas con discapacidades que teñen que cumprirse, “dende a recuperación do funcionamento do Consello Municipal de Accesibilidade, que leva anos sen convocarse, ata algo tan sinxelo como a colocación de pictogramas en todos os edificios públicos de titularidade municipal para as persoas con transtorno de espectro autista” incide a concelleira.

 

Vigo, 3-12-2021. Co gallo do Día Internacional das persoas con discapacidade, Marea de Vigo quere sinalar a necesidade de cumprir todos os compromisos en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidades na nosa cidade. “Retos que non só se centran na mobilidade – matiza Oriana Méndez -. Trátase de garantir o acceso á totalidade do espazo público e equipamentos, para poder facilitar todas as actividades que a cidadanía poida desenvolver, dende o traballo ao ocio”. Para Marea de Vigo, a arquitectura ten un papel activo e fundamental en todo isto, “xa que acompaña e conduce o que denominamos a Cadea da Accesibilidade, e dicir, poder enlazar a vida cotiá no seu conxunto” engade a concelleira.

Segundo a Marea de Vigo, existen moitas e sinxelas medidas “coma o vado peonil con rampas de cinco metros nos cruzamentos de ruas para facilitar o paso de persoas con mobilidade reducida para proporcionarlles amplitude de paso, ou, no caso das persoas con discapacidades visuais, con pavimentos podotáctiles con relieves para indicar a dirección así como as advertencia de peligro á hora de cruzar” que poden ser implementadas de xeito inmediato no Concello de Vigo.

Outra oportunidade, segundo o Grupo municipal, “bríndannola os Fondos Next Generation, puidendo ser utilizados para poder dar un novo impulso á accesibilidade universal, da man da sostenibilidade”. “Aínda hai persoas que viven confinadas nas súas casas por non ter un ascensor e solucionar este tipo de carencias pode ser perfectamente coherente co uso deses fondos” conclúe a concelleira.