moción instando ao pleno do concello de vigo a solicitar a xunta que faga pública a documentación requerida por sentenza do tsxg sobre o proceso de privatización das caixas

7 de Xullo de 2020

MOCIÓN INSTANDO AO PLENO DO CONCELLO DE VIGO A SOLICITAR A XUNTA DE
GALICIA CUMPRA COA VECIÑANZA DE VIGO NO RELATIVO AO LAMENTABLE
PROCESO DE PRIVATIZACIÓN DAS CAIXAS DE AFORRO GALEGAS, FACENDO PÚBLICA
A DOCUMENTACIÓN REQUERIDA POR SENTENCIA DO TRIBUNAL SUPERIOR DE
XUSTIZA DE GALICIA

A fusión e posterior privatización das Caixas de Aforro galegas foi o maior golpe
económico a Galicia en moitos anos.
En 2010, o Presidente da Xunta de Galicia e a Conselleira de Facenda anunciaban a
fusión de Caixanova e Caixa Galicia prometendo unha Caixa galega viable apoiándose nunha
auditoría que avalaba a operación. Hoxe sabemos que era mentira. A auditoría de KPMG nin
era auditoría nin avalaba a fusión. Comezaba o festival das mentiras, a manipulación e a
ocultación do que rematou coa venta de Nova Galicia Banco a Banesco por 1003 millóns de
euros, máis unha serie de beneficios pactados a futuro.

Só no primeiro ano de vida Abanca obtivo 1157 millóns de euros de beneficios, o que
mostraba xa a magnitude do agasallo ao banco venezolano.

As dúas caixas representaban o 40% do aforro galego, contaban cunha implantación
territorial total e cunha importante carteira empresarial. Os efectos desta nefasta privatización
son dificilmente calculables máis alá das propias cifras da compra. Por exemplo, despois da
desaparición do sistema financeiro galego, Galicia é dos territorios do Estado onde maior é a
concentración bancaria o que encarece o acceso a creto de familias e PEMES. Tamén tivo
efectos sobre o tecido empresarial galego e sobre o emprego, xa que a política da nova
entidade foi a venta da carteira empresarial para facer caixa, o que apartou o centro de
decisión de moitas empresas e provocou deslocalización do emprego coma no caso de R,
vendida por Abanca a Euskaltel. Efectos dunha nefasta privatización que chegan ata hoxe,
cando nos atopamos ante o dano intolerable que Abanca está exercendo sobre miles de
familias co cobro de comisións abusivas. Este cobro inxustificado está levando xa á indignación
e á mobilización a centos de persoas, nomeadamente vigueses e viguesas, pero debe ter
tamén unha resposta por parte das Administracións Públicas, que están para protexer á
cidadanía, e especialmente por parte do Concello de Vigo, que desde hai anos mantén unha
estreita colaboración coa entidade.

O desastre foi absoluto nun proceso opaco onde se tratou de ocultar a realidade á
cidadanía dende o primeiro momento ata a privatización, chamada “desinvestimento
acelerado”, un eufemismo que significou que a entidade Nova Galicia Banco foi vendida con
premura sen esgotar o prazo permitido para a privatización. Aínda a día de hoxe non sabemos
por que se tomou esa decisión incomprensible dende o punto de vista do interese xeral.
Aínda que o dano está feito, é necesario que saibamos a verdade e se poidan depurar
responsabilidades políticas. Con ese obxectivo, en teoría, constituíuse no Parlamento galego
unha Comisión de Investigación sobre as Caixas de Aforro galegas, co obxectivo de esclarecer
as circunstancias que nos levaron ao desastre. En cambio, a Comisión foi manexada pola
maioría do PP e pola Xunta de Galicia para obstaculizar o coñecemento da verdade. Proba diso é que, despois de 7 anos, non existen conclusións e as peticións de reactivación, de
información e de comparecencias por parte oposición seguen sendo rexeitadas
sistematicamente. Outra proba é a recente sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia que condena á Xunta de Galicia por vulneración de dereitos fundamentais,
concretamente o dereito recollido no artigo 23.2 da Constitución española á participación
política, por non entregar durante anos a información relativa á fusión das Caixas a pesar das
reiteradas peticións do deputado Antón Sánchez. Unha sentencia obriga á Xunta de Galicia a
entregar o informe-proposta da entón Conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, sobre
a fusión e a acta da xuntanza dos secretarios xerais previa ao Consello da Xunta onde se
aprobou a fusión. Son documentos fundamentais para tratar de esclarecer como se tomaron as
decisións dende o Goberno galego.
Tanto a vulneración dos dereitos a un deputado como o bloqueo da Comisión constitúen
unha falla de respecto á cidadanía galega que se ve privada tamén do coñecemento da
verdade.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo rexistra a seguinte moción a fin
de que o Concello de Vigo:
1) Supedite as contas municipais e o fondo de pensións do Concello en Abanca a que a
entidade bancaria rectifique o dano que está facendo a miles de familias viguesas e cese
definitivamente o cobro das novas comisións.
E a fin de que o Concello de Vigo esixa á Xunta de Galicia:
1) Que faga pública a documentación requirida na sentencia do TSXG de 22 de xuño de 2020,
que obriga á Xunta de Galicia a entregar o informe, proposta da entón Conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, sobre a fusión e a acta da xuntanza dos secretarios xerais onde se
aprobou a fusión. Son documentos fundamentais para tratar de esclarecer como se tomaron as
decisións dende o Goberno galego.
2) Que reactive a Comisión de Investigación para analizar e avaliar a evolución económicofinanceira das antigas Caixas de Aforros e as causas e responsabilidades da súa
transformación en bancos, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus exdirectivos,
asumindo as peticións de novas comparecencias e información, nomeadamente referidas ao
proceso de venta a Banesco.

En Vigo, a 07 de xuLLo do 2020