marea de vigo alerta de inscricións irregulares de patrimonio etnográfico catalogado.

14 de Maio de 2018

Marea de Vigo alerta de inscricións irregulares de patrimonio etnográfico catalogado no Catastro e pedirá unha protección especial no futuro PXOM.

O voceiro municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, afirma que o grupo municipal ten probas de dubidosas inscricións en fincas particulares de elementos etnográficos catalogados como por exemplo o muíño de Portoloureiro en Castrelos.

Vigo, 14-95-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo considera este tipo de feitos, a través de cambios no Catastro, como “absolutamente denunciables”, facendo que, “por arte de maxia”, muíños, camiños de servidume, minas de auga e outros elementos catalogados acaben inscritos en fincas privadas e pedirá que o próximo PXOM retorne ao público estes elementos e obrigue ao Catastro a modificar a inscrición irregular dos mesmos como privados.

Como exemplo significativo, a Marea de Vigo sinala o muíño de Portoloureiro en Castrelos, pertencente ao conxunto etnográfico coñecido como “Muíños de Viloura” e sobre o que aínda teñen numerosos veciños e veciñas dereitos de moenda, muíño que na actualidade, e para sorpresa da veciñanza, aparece como parte dunha finca privada, mesmo cun regato público pasando polo mesmo e sen rexistrar a servidume pública que todo curso de auga ten que ter legalmente. Este muíño ademais foi mesmo restaurado polos veciños e veciñas que tiñan dereito de moenda en forma de quendas dende fai máis de cen anos.

O grupo municipal da Marea de Vigo considera que “estamos ante unha práctica aparentemente do Catastro a todas luces preocupante, e que debería ser investigada. Como pode inscribirse como privado un muíño catalogado, posiblemente de mediados do século XVIII, en perfecto estado de funcionamento pola inversión da veciñanza e con documentación que testemuña os dereitos mancomunais sobre o mesmo?. É tamén sorprendente que exista un cambio no rexistro do Catastro en datas recentes”. Marea de Vigo cursará solicitude de aclaración ao Catastro para que realice as investigacións internas necesarias.