marea de vigo cualifica como chantaxe o anuncio de preconcurso de acredores en povisa
Por Marea de Vigo


Marea de Vigo considera unha absoluta chantaxe o movemento de POVISA entrando en preconcurso de acredores e pide unha auditoría urxente das contas da empresa e das do grupo familiar dos Silveira, incluída a SICAV declarada por membros da mesma.
Rubén Pérez: “É indecente asistir ao enésimo uso do cadro de persoal como ameaza e resulta pouco críble que os recursos públicos deitados polo SERGAS nestes anos non foran os suficientes para a xestión das cartillas derivadas.”
Vigo, 28-9-2018. Para Marea de Vigo o anuncio de preconcurso voluntario de acredores co argumento de que se arrastran perdas dende 2014 polo insuficiente dos ingresos polo concerto co SERGAS é a todas luces “unha escusa” para forzar a renegociación do mesmo. “O propio concerto é absolutamente singular no estado español e totalmente vantaxoso para o centro hospitalario privado ao condicionar, entre outras cousas, o non desenvolver un centro hospitalario no Morrazo ou a apertura das plantas ociosas no Meixoeiro” matiza Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo. “De novo o grupo Silveira – engade- emprega a ameaza sobre as máis de 1500 persoas empregadas e as máis de 130.000 cartillas sanitarias que abarca como metodoloxía de presión para obter un maior importe no concerto”.
Hai escasos 3 anos eran os despedimentos de 13 persoas (celadoras/es e 3 persoas do arquivo) despois de intentar un ERE extintivo que foi rexeitado, despois foron continuos bloqueos á negociación do convenio colectivo e agora a ameaza de non pagar as cotizacións sociais da do cadro de persoal a e entrar no preconcurso. “Todas estas actuacións son exemplos do abuso que esta empresa está a exercer en todos os ámbitos e o SERGAS non só non debe ceder na presión, senón que debe esixir que os parámetros de calidade asistencial que aplica aos centros públicos sexan tamén aplicados en Povisa” engade Pérez.
Marea de Vigo pide unha auditoría de todas as empresas do grupo Silveira, e segue a denunciar que un hospital que forma parte da rede hospitalaria do SERGAS non pode ser moeda de cambio nas aventuras empresariais e no engorde de sociedades pensadas para a evasión fiscal como son as SICAV’S, que a familia Silveira posúe. O servizo sanitario dunha area tan importante como a de Vigo non pode estar a expensas dos intereses económicos dun grupo empresarial.