comunicado da marea de vigo ante o inminente desafiuzamento da federación veciñal eduardo chao.

13 de Xullo de 2021

Comunicado da Marea de Vigo ante o inminente desafiuzamento da Federación Veciñal Eduardo Chao.

 

Tal e como se preveía, non houbo avance algún por parte do Goberno local para buscar un emprazamento temporal para a Federación Veciñal Eduardo Chao máis aló de tramitar o desafiuzamento pola vía xudicial.

Hai tres meses, o Goberno local ofrecía á Federación Veciñal un espazo de menos de 10 m2, inviable a todas luces para desenvolver á actividade habitual da FAVEC. Un espazo inasumible con e sen situación COVID, e absolutamente insuficiente para unha entidade que agrupa a ducias de asociacións de veciños e veciñas de Vigo.

Tras varias tentativas de negociación por parte da FAVEC demandando unha alternativa viable mentres durasen as obras no inmoble da Praza da Princesa, así como repetidas peticións por parte da Marea de Vigo e demais oposición, o Goberno de Abel Caballero decidiu solventar a situación a golpe de desafiuzamento.

Isto só amosa que temos un Goberno municipal que non quere dialogar e que pretende humillar ao movemento veciñal tendo a osadía de poñer enriba da mesa unha proposta sabendo de antemán que esta era inasumible. Tamén deixa claro que este Goberno local pretende eliminar calquera tipo de discrepancia que veña do tecido asociativo da cidade.

É moi grave acudir á vía xudicial para “largar” a unha asociación Viguesa Distinguida cunha importante presenza na cidade cuxa única intención era poder ter unha alternativa para poder seguir dando servizo á veciñanza.