comunicado da marea de vigo ante a sinatura de adhesións por parte de entidades sociais en apoio ao indulto do funcionario municipal condeado por prevaricación polo tribunal supremo.

15 de Marzo de 2022

Comunicado da Marea de Vigo ante a sinatura de adhesións por parte de entidades sociais en apoio ao indulto do funcionario municipal condeado por prevaricación polo Tribunal Supremo.

Marea de vigo cualifica como feito moi grave que diretivas de AAVV, Comunidades de Montes e entidades deportivas e culturais asinaran unha adhesión ao indulto dun funcionario municipal condeado sen ter consultado ás súas asociadas e asociados.

 

Vigo, 15-03-2022. Marea de vigo lembra que no movemento veciñal ou asociativo non existen os modelos presidencialistas e cualifica como unha vulneración das garantías democráticas e das normas que rexen o tecido veciñal o feito de non telo sometido a asembleas, situación que incluso pode chegar a implicar a dimisión ou a destitución das devanditas diretivas e que dende logo lexitiman a todas as persoas asociadas ás entidades a pedirlles responsabilidades as súas diretivas e presidentes asinantes.

Marea de Vigo manifesta que toda asociación veciñal é lexitima para soster os posicionamentos políticos que considere, estando nesta ocasión ante un feito de posicionamento político evidente, mais o que non é de recibo é que esa adhesión non sexa sometida ao máximo órgano de decisión que figura na meirande gran parte dos estatutos das AAVV, entidades deportivas, culturais, comunidades de montes e colectivos de todo tipo.

Para Marea de Vigo, tomar parte nun proceso xudicial con sentenza, instando a un Goberno a formular un indulto e que os veciños e veciñas socias destas entidades non poidan tomar parte asembleariamente na decisión é unha vulneración de dereitos tan básica que debería, por unha banda, ser reclamado polos veciños e veciñas, e pola outra, acarrear a dimisión de todos os presidentes e presidentas das entidades que asinaron sen sometelo á decisión dos órganos, deixando claro que, no caso de facelo, debería quedar reflectido nas actas, sendo deste xeito unha decisión lexítima e tomada democráticamente e de acordo aos estatutos da entidade, ao contrario do acontecido.

Marea de Vigo insta á veciñanza asociada a estas entidades a facer valer os seus dereitos de expresión e de decisión democrática que entende, polas numerosas queixas que o Grupo municipal da Marea de Vigo está a recibir, foron vulnerados de xeito perigoso coa sinatura das peticións de indulto a unha persoa condeada por prevaricación sen o concurso dos órganos democráticos da entidade.
Marea de Vigo non valora sobre esta cuestión rumoroloxías de presións ou mesmo supostos chantaxes para que se asinaran as peticións de indulto.

A solicitude de indulto é un dereito democrático de calqueira persoa condeada, na exposición de motivos dirixida ao Goberno efectivamente pode incluír as adhesións ou motivacións personais ou sociais que considere, pero as decisións das entidades veciñais e sociais deben ser tomadas colectivamente, cumpríndose o dereito a ser convocado/a con orde do día co punto de adhesión ao indulto en base aos cauces estatutarios da entidade en cuestión, dereitos que na maioría dos casos nesta ocasión foron claramente vulnerados.