comunicado da marea de vigo ante a situación das persoas refuxiadas tras o incendio no campo de moria.
Por Marea de Vigo

MAREA DE VIGO SOLICITA QUE O CONCELLO DE VIGO DEA RESPOSTA SOLIDARIA ÁS PERSOAS REFUXIADAS DO CAMPO DE MORIA, DESTRUÍDO NUN TERRIBLE INCENDIO.
No mes de xaneiro de 2017, o Pleno do Concello de Vigo aprobou, coa abstención do grupo socialista, a moción que a Marea de Vigo levou por demanda da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas. A efectos prácticos, iso convertía a Vigo en cidade refuxio que debía facilitar o empadroamento das persoas refuxiadas que chegasen ao municipio e poñer á súa disposición os recursos sanitarios, escolares e de integración e mediación necesarios.
Posteriormente, a mesma Federación Española de Municipios e Provincias, co alcalde de Vigo á cabeza como presidente, aprobou e publicou unha declaración institucional afirmando que os concellos deben dispor medios e recursos económicos para a acollida e a integración social dos refuxiados.
Co tempo, non fomos poucos os sectores políticos e sociais da cidade que consideramos insuficiente a actuación do Goberno local no ámbito da solidariedade coas persoas refuxiadas. Porén, agora, nestes momentos e sen demora, o Concello ten a ocasión de amosar o seu compromiso real e de poñer en valor a presidencia de Caballero na FEMP, declarando Vigo como cidade refuxio.
Cómpre reaccionar axiña baixo o principio de solidariedade ante unha situación dramática que padecen miles de persoas na illa de Lesbos. Para iso, propoñemos:
1. Que o concello de Vigo, principal cidade de Galicia en termos de poboación e económicos, estableza unha comunicación efectiva coa Rede galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas para coñecer as súas demandas.
2. Que o concello de Vigo exprese a súa disposición a dar cabida a unha porcentaxe xusta de persoas refuxiadas e a respectar os principios de solidariedade e xenerosidade, como deberían facer todas as cidades e todos os países da Unión Europea.
3. Que o concello de Vigo contribúa a protexer ás familias e, moi especialmente, aos menores que precisen desesperadamente refuxio e seguridade, executando un programa que, de xeito planificado, dea acollida atención e orientación ás persoas refuxiadas.
http://www.mareadevigonoconcello.gal/notas-de-prensa/marea-de-vigo-sobre-idoneidade-de-abel-caballero-para-coordinacion-da-acollida-das-persoas-refuxiadas/
http://www.femp.es/comunicacion/noticias/disponible-la-declaracion-institucional-de-la-femp-sobre-ayuda-los-refugiados
*foto: BBC