o grupo municipal da marea de vigo reúnese hoxe co movemento veciñal e asociativo de navia

14 de Marzo de 2018

O grupo municipal da Marea de Vigo reúnese hoxe co movemento veciñal e asociativo de Navia.

Os concelleiros Xosé Lois Jácome e Rubén Pérez trasladan as súas preocupacións polas deficiencias dotacionais no PAU de Navia e a necesidade da construción dun IES que non se recolle na ampliación das fases de Navia pendentes así como unha zonificación escolar axeitada.

Vigo, 14-03-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo reúnese coa AVV Novo Vigo para coñecer tamén as opinións da veciñanza sobre os proxectos de ampliación de parque infantil, pista deportiva, área de descanso e o proxecto da creación da pista de parkour, propostas feitas polo concello sen consulta previa no barrio. Do mesmo xeito, abordará cuestións como as alternativas de aparcamento gratuíto necesarias para acometer unha ampliación poboacional tan grande como a contida no plan parcial recentemente modificado polo goberno local e a Xunta de Galicia.

Marea de Vigo considera que o barrio vigués de Navia aparecido coas novas fases do PAU constitúe unha “pequena cidade” dentro de Vigo e ten que ter unha consideración diferenciada e integral en canto a infraestruturas, transportes, dotacións, equipamentos e deseño urbanístico. A modificación do Plan Parcial e o desenvolvemento das fases de vivenda pendentes non conta, a xuízo da Marea de Vigo, cun análogo deseño de novos espazos educativos que impidan, por exemplo, que na proposta de zonificación escolar, os alumnos do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao, recentemente ampliado polo aumento de poboación escolar no barrio, queden adscritos ao IES de Valadares.

Marea de Vigo abordará tamén a situación dos locais municipais inactivos que, despois de anos de anuncios de usos, seguen a estar sen acceso á veciñanza do barrio e onde poderían perfectamente dispoñerse dende bibliotecas e ludotecas até un espazo axeitado para o movemento veciñal e asociativo do barrio.