marea de vigo acusa ao goberno local de falla de transparencia á hora de negociar con vitrasa a nova tarifa e as condicións da ampliación.

19 de Abril de 2022

Marea de Vigo acusa ao Goberno local de falla de transparencia á hora de negociar con VITRASA a nova tarifa e as condicións da ampliación.

 

Rubén Pérez: “Trátase dun proceso de negociación cando menos opaco e queremos coñecer cales son os condicionantes económicos que poden chegar a supoñer un importante desembolso de recursos públicos”

 

Vigo, 19-04-2022. Marea de Vigo volveu reclamar por escrito información sobre o proceso de modificación do prezo do billete de transporte urbano así como sobre as liñas e os servizos que está ofertando a concesionaria VITRASA, ante a recente supresión dunha das liñas ao CUVI. “Seguimos tendo dúbidas, porque se ben o Concello anunciou unha subida inferior á solicitada por VITRASA (a 1,54 euros por billete), existe falla de información sobre cal está sendo a negociación sobre ese prezo e ao respecto das condicións nas que se substancia a ampliación de cinco anos” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Pérez insiste en que “segue habendo supresións e cambios de liñas” que, segundo a Marea de Vigo, “deberían ser consensuadas co tecido asociativo da cidade a través do Consello Municipal de Transporte”, Consello que é preceptivo reunir á hora de levar a cabo modificacións tarifarias “pero que leva sen reunirse dende o pasado ano, e ademais non conta tan sequera con información sobre os cambios que a empresa quere facer como por exemplo coa supresión dunha das liñas que daba servizo ao CUVI” engade.

Marea de Vigo considera que non se poden facer estes cambios “ás costas da cidade e dun Consello Municipal no que participan centrais sindicais ou a federación de asociacións de veciños/as, entidades que deberían contar tanto con esa información como coa posibilidade de opinar sobre os cambios que a empresa está poñendo enriba da mesa” matiza o voceiro. “O Goberno local debería de ser o suficientemente claro e transparente como para poder compartir co resto da Corporación e co conxunto da cidade que VITRASA está esixindo unha subida a 1,54€ baseada na renovación inmediata de flota” conclúe.