marea de vigo acusa ao goberno local de improvisación total co uso dos remanentes.

15 de Marzo de 2021

Marea de Vigo acusa ao Goberno local de improvisación total co uso dos remanentes.

Oriana Méndez: “Consignar máis de 13 millóns de euros a proxectos nalgúns casos iniciados ou consignados en orzamentos anteriores á aparición da COVID-19 é unha mostra palpable de que este Goberno segue sen entender que os retos dos vindeiros meses na cidade son evitar dúcias de desafiuzamentos a partir de xuño, que non colapse definitivamente o comercio local e a hostalería e ter un colchón de cobertura social suficiente. Precisamos dunha política seria de prioridades ante unha cidade cuns retos de cohesión social e económica tan preocupantes”.

Vigo, 15-03-2021. Oriana Méndez, concelleira do Grupo municipal da Marea de Vigo, afirma que “é un erro priorizar a continuidade de actuacións que xa estaban en marcha sobre un uso dos recursos económicos que permita desenvolver, por exemplo, políticas de coidados e apoio á cultura e a actuacións que comparten espacio no RD 27/2020 xunto co desenvolvemento de mobilidade sostible e axenda urbana”. Para Marea de Vigo, “é un erro e unha falla de lectura correcta dos problemas que viven as familias viguesas, o sector da cultura, as salas de música, os teatros, etc” engade a concelleira.

No expediente modificatorio de crédito extraordinario aprobado na Xunta de Goberno Local do pasado venres, cun importe de máis de 13 millóns de euros, “o Goberno local volve a cometer o mesmo erro da modificación de máis de 36 millóns aprobada en novembro de 2020, priorizar mobilizar millóns de euros en obras públicas ornamentais en moitos casos en vez de activar un ambicioso plan para que os recursos procedentes dos aforros impostos por políticas de contención de gasto público acaben sendo instrumentos para a reactivación económica, a cobertura social e mesmo a alternativa habitacional nunha cidade xa cun nivel de pobreza cronificado que supera o 21%” matiza Oriana Méndez.

Marea de Vigo non considera “ético” que, na conxuntura actual, dos 46 millóns de euros mobilizados do remanente de Tesourería, “nos que hai sitio para máis de 1 millóns de euros para campos de fútbol, 123.000 euros para cubrir con metacrilato o tranvía da avenida de Castelao, máis de 2,3 millóns de euros para reformar a plaza da Elíptica, case un millón para adaptar o antigo edificio da EDAR de Coruxo como auditorio, etc, etc, o Goberno local non considere urxente e acaído habilitar axudas directas ao sector da hostelaría e comercio local (habilitando no seu lugar accesos a centros comerciais con estes recursos), unha liña de axudas ao sector do ocio nocturo e salas de concertos que están a piques de quebra na cidade, un complemento económico para políticas de protección social, ou mesmo a adquisición dun parque de vivenda de emerxencia social ante os meses que nos veñen enriba de profunda incertidume económica” afirma a concelleira

Marea de Vigo, pola contra, segue a considerar esencial e central o contido na súa proposta de empregos do remanente, expresado no debate do Pleno de novembro de 2020, onde o grupo acusou ao Goberno de Abel Caballero de vivir en “campaña publicitaria de ciclo permanente vendéndonos os grandes logros da cidade, “que poderían ser para unha cidade de antes de febreiro ou marzo do 2020, pero que para o contexto actual é absolutamente irreal, e só amosa que o Goberno que non é quen de ler unha cidade na que os índices de pobreza aumentan de xeito galopante, na que a exclusión social se vai consolidar neste ano e o que ven, na que vai haber un serio problema de cohesión social, e na que todos e cada uns dos recursos deben ter prioridade social” conclúe Oriana Méndez.