marea de vigo acusa a xunta e concello de postergar unha solución razonada para dotar ao barrio de navia dun novo instituto só por intereses partidistas.

13 de Decembro de 2021

Marea de Vigo acusa a Xunta e Concello de postergar unha solución razonada para dotar ao barrio de Navia dun novo instituto só por intereses partidistas.

O Grupo municipal da Marea de Vigo lembra que no Pleno do pasado mes de novembro quedou claro que a parcela que ten que ceder o Concello existe e a discusión é se o Concello ten que cedela antes de firmar o convenio, tal e como pide a Xunta, ou despois, como pide o propio Concello. “Unha discusión rídicula porque ambas fórmulas son habitualmente empregadas polas dúas administracións en numerosos convenios que esixen para a cesión de inmobles ou soares” afirma Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

Vigo, 13-12-2021. Para a concelleira de Marea de Vigo, Oriana Méndez, a urxencia de dotar ao barrio de Navia dun IES “é xa alarmante”, e todo o tempo que pase nunha discusión entre administracións por cuestións burocráticas, “redundará en que, primeiro, sigamos cunha zonificación escolar que prioriza a adscripción dos nenos e nenas do barrio ao IES de Valadares e, segundo, que o proceso de obtención do novo equipamento escolar se dilate no tempo e estea condicionado nun futuro a un recorte nos recursos educativos que comporte un cambio de criterio na UE nos teitos de gasto orzamentarios”. Oriana Méndez considera que non aproveitar o momento actual no que se poden artellar orzamentos expansivos motivados pola necesidade de recursos para a reconstrución económica despois da crise da COVD-19 “é unha irresponsabilidade política manifesta”.

Marea de Vigo sempre foi meridianamente clara denunciado que as fases finais do PAU de Navia se ben delimitaban os terrenos para usos dotacionais, non clarificaban a ubicación do novo instituto, “feito que incluso fixo que este se ubicara por parte da Xunta en diferentes lugares e mesmo falouse dos terreos das dependencias xudiciais que quedarán baleiras na contorna da rúa Lalín” apunta Oriana Méndez. O que era un síntoma, segundo a concelleira “da clara improvisación da administración autonómica no tocante a unha infrestrutura esencial nun barrio cunha pirámide poboacional completamente diferente ao resto de Galicia e onde a poboación menor e sensiblemente cuantiosa”.

“Agora – sinala Oriana Méndez,- asistimos a un novo capítulo delirante, onde o Conselleiro de Educación solicita públicamente unha parcela para poder edificar o novo centro, unha parcela de 12.576 metros cadrados na contorna da VG20 que xa foi anunciada en Pleno e que simplemente ten a discusión paralizante sobre que vai antes, a cesión da mesma ou a sinatura do convenio”. Ante isto, Marea de Vigo reafirma que se trata “dunha mera escusa para unha nova lea política entre PP e PSOE e entre as dúas administracións implicadas no desenvolvemento do IES. O propio Pleno do Concello, co voto favorable do PP, instou á sinatura do convenio á Xunta e a que se incorporase nos plans de investimento educativo e no orzamento de 2021 esta actuación, “feito que xa está incorporado pero que está paralizado por esta discusión, o que fai que sexa xa materialmente imposible que proxecto e obra estean xa en marcha no vindeiro 2022. Unha irresponsabilidade grave e da que PP e PSOE terán que dar explicacións á veciñanza de Navia” matiza Oriana Méndez

Marea de Vigo considera que acelerar as 1.600 vivendas no barrio sen ter solventado a cuestión das dotacións públicas, especialmente no tocante a ampliación do centro de saúde, as dotacións escolares e a creación dun centro veciñal e cultural é un erro que vai converter de novo ao barrio de Navia nun dos de maior crecemento pero cun desfase dotacional máis acuciante, polo que pide responsabilidade á Xunta e Concello para evitar este novo “fronte de guerra” que permanentemente abren ás costas dos intereses da maioría social da cidade e da veciñanza do barrio.