marea de vigo afirma que o compromiso coa transparencia por parte do goberno local é inexistente.

5 de Febreiro de 2021

Marea de Vigo afirma que o compromiso coa transparencia por parte do Goberno local é inexistente e apenas chega a cumprir cos mínimos legais, tal e como reflicte a Memoria de Transparencia que foi á Xunta de Goberno nos pasados días.

Rubén Pérez: “É a constatación dun concello que gasta recursos públicos en pantallas publicitarias en dicir que hai unha transparencia exemplar cando o único que hai é degradación democrática, tanto cara á oposición como cara á cidadanía”.

Vigo, 05-02-2021. Marea de Vigo trasladou hoxe a súa a valoración sobre resolución definitiva da memoria de Transparencia e bó Goberno do ano 2020 recentemente incoada polo Goberno local vigués, “resolución elaborada polo Goberno local tal e como lle obriga a Lei 19/2013 de Transparencia” matizou Rubén Pérez.

Desde o Grupo municipal sinaláronse varias cuestións relativas a esta resolución e o seu traslado á realidade municipal. “Discrepamos profundamente do contido deste documento de memoria. Así como o concello ten unha plataforma online onde a veciñanza pode acceder a información sobre contratación pública e cuestións relativas a información económica do concello, tamén é certo que isto non se pode utilizar coma un elemento singular e indicador de transparencia, xa que só é un procedemento obrigatorio para todas as administracións públicas, ao igual que é obrigatorio celebrar plenos ou ter actas” apuntou Rubén Pérez, voceiro do Grupo.

Nesta liña, Perez sinalou varias das eivas no procedemento de transparencia e democracia no Concello de Vigo, “comezando por unha cuestión que non é menor: Ao Grupo municipal da Marea de Vigo non se lle deu resposta aos practicamente 200 rogos e preguntas que levamos formulado ao Goberno de Abel Caballero no que levamos de lexislatura en cada unha das comisións informativas, en todos os plenos. Contadas son as ocasións nas que recibimos resposta a calquera solicitude de informacion ou aclaracións con respecto a moitas cuestións da política local diaria da cidade” detallou o concelleiro.

No propio informe elaborado polo Goberno local, segundo reprobou Rubén Pérez, “ademais de non ter en conta que non existe transparencia con respecto á participación política no Concello de Vigo, inclúe aseveracións como que a aplicación mobil municipal é un instrumento de información e transparencia cando a realidade é que as notificacións que lles chegan aos veciños e veciñas, son, na súa maioría, simples notificacións da axenda e a actividade do alcalde, facendo, en todo caso, de esta app pagada con cartos públicos, unha campaña de publicidade partidista e permanente de Abel Caballero”.

A memoria fala do código de boas prácticas tamén na contratación municipal, “algo – afirmou Rubén Pérez – absolutamente desfasado cando a realidade é que non existe seguimento algún da maior parte dos contratos públicos”.

Marea de Vigo considera que “un ano máis, o concello perde unha oportunidade de avanzar cara a transparencia. Dan exactamente igual os premios recibidos, ‘chalaneados’ entre administracións publicas na maior parte das ocasións. O concello de Vigo é un exemplo de incumprimento dos criterios de transparencia e participación cidadá citados pola FEMP” concluiu o voceiro.