marea de vigo afirma que o concello e a autoridade portuaria deben asumir as responsabilidades polo accidente de “o marisquiño”.

14 de Xaneiro de 2019

Marea de Vigo afirma que o Concello e a Autoridade Portuaria deben asumir as responsabilidades polo accidente de “O Marisquiño”.

Mañá martes Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo comparecerá na Comisión de Investigación que estase levando a cabo no Parlamento de Galicia.

Vigo, 13-01-2019. Tras a negativa, por parte do Goberno do PSOE de Abel Caballero, a toda investigación sobre o acontecido en “O Marisquiño” máis aló dun Pleno extraordinario cuxa duración foi de apenas media hora, o Parlamento galego aprobou, coa abstención do PSOE, a apertura dunha Comisión de Investigación sobre o accidente, na que mañá foi citado para comparecer Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

Na comparecencia, o voceiro do Grupo municipal, segundo reflicte a convocatoria recibida, transmitirá toda a información que, segundo a Marea de Vigo debe constar na investigación, facendo fincapé nas cuestións relacionadas coa asunción de responsabilidades por parte das administracións con competencias no ámbito do accidente e nos permisos e licenzas do evento, e segundo as actuacións de cada unha. “O Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria teñen competencias compartidas e polo tanto responsabilidades no acontecido. As comisións de investigación deben ser espazos de traballo onde dirimir responsabilidades e traballar para poñer as medidas necesarias para poder evitar que volva a acontecer o que pasou o 12 de agosto do pasado ano” matiza Rubén Pérez.

En canto á responsabilidade do Concello, Rubén Pérez incidiu na obsolescencia do Plan de Emerxencias Municipal. “Non está nin actualizado, e no tocante as emerxencias e á coordinación con Emerxencias de Galicia, o Concello de Vigo incumpriu de xeito reiterado tanto o seu propio Plan como a Lei de Emerxencias de Galicia”.

No relativo á Autoridade Portuaria, Marea de Vigo insiste en que “A actuación por parte do presidente da Autoridade Portuaria é absolutamente irresponsable, sobre todo tras as declaracións tan arbitrarias nas que mesmo culpaba do accidente á organización de ‘O Marisquiño’. Consideramos que o Partido Popular tiña que telo destituído de inmediato”engadía Rubén Pérez.

Por outra banda, o grupo municipal da Marea de Vigo tamén quixo expresar o seu desacordo co informe emitido pola Secretaría Municipal en canto á remision de documentación e á colaboración do Concello nesta Comisión, e considera que “obstaculizar o traballo da mesma ou o feito de non acudir á comparecencia tanto por parte das persoas membros da Corporación como do corpo funcionarial é dunha gran irresponsabilidade e poderían ser cesadas de aplicarse literalmente o Código Penal” concluía Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.