marea de vigo afirma que o goberno de abel caballero incumpre co cadro de persoal do aparcadoiro da praza de portugal.

11 de Decembro de 2018

Marea de Vigo denuncia que a reapertura do aparcadoiro da Praza de Portugal sen o persoal asociado ao centro amosa a vergoña da xestión das concesións públicas do Goberno de Abel Caballero.

Xosé Lois Jácome: “A causa de primar os criterios económicos nos concursos públicos por enriba dos técnicos ou dos relativos ao persoal, a realidade é que en practicamente todas as concesións municipais que fai o Goberno municipal do PSOE, os cadros de persoal acaban sufrindo as consecuencias, traducidas en precariedade laboral e despedimentos, tal e como ademais estamos vendo estes meses cos xa máis de 100 días de folga do persoal da XER a causa dos 8 despedimentos na concesionaria”.

Vigo, 11-12-2018. Na rolda de prensa ofrecida hoxe, o grupo municipal da Marea de Vigo fixo un percorrido arredor dos acontecementos relativos ao persoal dos aparcadoiros da porta do Sol e Praza de Portugal, que culminaban este pasado sábado cunha reapertura dun dos centros sen o persoal asociado ao mesmo. “En setembro e decembro do 2015 respectivamente, pechaban os aparcadoiros da Porta do Sol e da Praza de Portugal. En xaneiro do 2016, a Marea de Vigo levaba unha moción ao Pleno do Concello pedindo que se respectara o dereito de subrogación da totalidade do cadro de persoal de ambos centros de traballo. Nese Pleno, a concelleira de transportes ‘prometía’ a recolocación destes traballadores e traballadoras e ademais, que a solución chegaría cedo, e todo elo xunto ao voto afirmativo á moción. Isto acontecía en xaneiro do 2016 e atopámonos en decembro do 2018, con todo este cadro de persoal na rúa e cun Goberno local que incumpre sistematicamente todas as súas promesas ás e os traballadores das concesións municipais” relatou Xosé Lois Jácome.

Pola súa banda, Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal, cuestionouse os motivos e o que está acontecendo entre a empresa, Dornier-Empark, e o propio Goberno local, “a empresa concesionaria, a mesma empresa que ten a Xestión do Estacionamento Regulado, cuxo persoal leva en folga dende hai máis de 100 días, se tan mala relación ten co Goberno municipal a causa deste conflito, tal é como esgrime o seu voceiro como escusa para non esixir solucións no conflito da XER; como é que lle regala ao Concello a apertura do aparcadoiro de xeito gratuíto durante varios días e como é o vínculo que ten Dornier-Empark co Goberno do PSOE para que esa apertura sexa no preciso momento no que o Goberno así o desexa?”.

Do mesmo xeito, Rubén Pérez lembrou que “é en base a un acordo do Pleno e ao propio expediente de contratación, no que sigue figurando a relación do persoal asociado ao servizo (o mesmo persoal que se quedou na rúa no ano 2015), polo que estas persoas deberían estar agora traballando no aparcadoiro, mais a empresa decidiu non cumprir e o Goberno do PSOE decidiu permitir”.

Marea de Vigo ve con agrado os primeiros movementos, a nivel sindical, dos cadros de persoal das concesionarias do Concello de Vigo, ao entender que a unidade de acción das e dos traballores destas empresas que dependen todas do Concello é o único mecanismo de presión que se pode levar a cabo fronte a un Goberno que se erixe sempre como defensor das traballadoras e traballadores mais nos feitos só defende criterios económicos que só benefician ás empresas concesionarias mentres veciños e veciñas de Vigo acaban na rúa e sen traballo a pesar de auto-proclamarse como Goberno de esquerdas.