marea de vigo afirma que o goberno de abel caballero non cumpriu cos dous grandes retos políticos da última década: o cambio concesional da auga e do transporte.

12 de Xaneiro de 2021

Marea de vigo afirma que o Goberno de Abel Caballero non cumpriu cos dous grandes retos políticos: o cambio concesional da auga e do transporte.

Rubén Pérez: “As ampliacions levadas a cabo sen cambiar substancialmente as concesións ou a negativa á posibilidade da remunicipalización, xa son un fraude para os vigueses e viguesas.

Vigo, 12-01-2021. Rematado o 2020, Marea de Vigo fixo hoxe unha valoración da actuación do Goberno local, en relación á xestión dos grandes contratos públicos da cidade. “Xunto ao cambio do imposto de bens inmobles, o Goberno de Abel Caballero só tiña dúas grandes tarefas que afrontar centradas no cambio do sistema dos dous grandes servizos públicos que ten este concello: a auga e o transporte, para que ambas tiveran un cambio concesional adaptado ao século XXI, con prezos e coberturas sociais coherentes coa realidade” apuntou Rubén Perez. “En lugar diso -proseguiu – temos un alcalde ‘pelele’ ante as grandes concesionarias públicas, que é capaz de desdicirse en apenas un mes por compracer os intereses destas empresas. Semella que en Vigo manda máis Fomento de Construcciones y Contratas SA e o Grupo Avanza que Abel Caballero”.

Na rolda de prensa de hoxe, o voceiro cualificou de “traizón a cidade” ambas ampliacións concesionais, polas que, segundo Rubén Pérez, “ambas empresas seguirán co mesmo sistema de pagos e ingresos, e incluso sen cumprir os investimentos acordados, coma no caso de Aqualia”.

Dende a Marea de Vigo se seguirán pedindo explicacións ao Goberno local sobre as devanditas ampliacións de 5 anos a ambas concesionarias, feitas de xeito “oportunista e utilizando a escusa da COVID-19 para telas levado a cabo”, sinalou o voceiro.

Por outra banda, Rubén Pérez trasladou a preocupación da Marea de Vigo ante os últimos datos sobre contaxios na Área Sanitaria de Vigo, tras as festas de Nadal. “Foi unha irresponsabilidade a actitude o alcalde invitando a ocupar espazos como a rampa de Gran Vía ou o espazo ocupado Cabalgata de Reis, onde se produciron importantes saturacións”.

“Así como a irresponsabilidade das persoas é difícil de medir e contrastar, coa irresponsabilidade pública é moi fácil facelo: Os chamados e as políticas que se fixeron durante os días previos ás festas por parte deste Goberno local e da Xunta foron unha temeridade e unha insensatez absoluta. Veremos nos próximos meses a magnitude económica, social e sobre todo sanitaria de tal irresponsabilidade que tanto Feijoo como Caballero exerceron por entender que o populismo non remata cando estamos falando da saúde e da vida das persoas” incidiu Pérez.

A colación disto, Rubén Pérez manifestou a súa sospeita sobre o gasto público feito neste Nadal, intuíndo que “foi o mesmo que o pasado ano sen situación COVID para un resultado moi diferente para o comercio e hostalería local, cuxos ingresos rondan o 20 e 30% dos ingresos no pasado ano” matizou o voceiro.