marea de vigo afirma que o orzamento proposto polo goberno local ignora o que ten pasado na cidade neste ano 2020.

4 de Novembro de 2020

Marea de vigo afirma que o orzamento proposto polo goberno local ignora o que ten pasado na cidade neste ano 2020.

Para o Grupo municipal da Marea de Vigo, “o proxecto orzamentario está feito como se a crise da covid-19 non existise e estivéramos ademais nunha cidade onde o gasto social non precisase aumento e as axudas á economía local non foran necesarias” matiza Oriana Méndez, concelleira do grupo.

Vigo, 04-11-2020 Marea de Vigo estuda o proxecto orzamentario para 2021 e prepara xa unha batería de emendas ao considerar este proxecto como “unha aunténtica tomadura de pelo” apunta a concelleira, onde os investimentos, en moitos casos “non son máis que un refrito dos investimentos xa anunciados para o 2020”.

No novo proxecto non existe incremento algún nas partidas de axudas sociais a pesar de decirse no Pleno que para as mesmas “este Concello non tiña límites”. O realmente certo é que as dúas partidas de axudas de alimentos, alugueiros e pobreza pasan dos 2.472.000 euros en 2020 a 1.651.150 para o 2021 sen que figure no orzamento onde se consignan os 800.000 euros de diferencia. Está cuestión, e se finalmente se empregará o superávit para aumentar estas partidas, “deberá clarificala o Goberno local porque neste proxecto orzamentario non existe” incide Oriana Méndez.

Alén diso, Marea de Vigo recalca que este Orzamento “non establece nin un euro de axuda directa ao sector do pequeno comercio e hostalería”, sendo os 5 millóns de euros das políticas de comercio maioritariamente consumidas polo alumeado de Nadal e a subvención a liñas aéreas. “De novo – engade a concelleira -, un claro exemplo de Goberno local que pretende volver á situación anterior a febreiro do ano 2020, cun delirio que pon en risco a economía da cidade e a posibilidade de que os efectos da crise da covid-19 cronifiquen aínda máis a situación”.

Marea de Vigo pide unha reformulación total das prioridades, tendo especialmente en conta a situación que vai vivir a cidade no 2021 e a necesidade de completar o catálogo de servicios sociais tal e como ten solicitado en numerosas ocasións.