marea de vigo afirma que os datos sobre o nivel de renda dos barrios deberían ser a base de referencia para os investimentos na cidade

21 de Xaneiro de 2019

Marea de Vigo afirma que os datos sobre o nivel de renda dos barrios deberían ser a base de referencia para os investimentos na cidade no exercicio orzamentario do 2019.

Rubén Pérez: “Cuestións como os investimentos ou a redacción do novo PXOM son fundamentais cara ao modelo de cidade que Vigo precisa, no que se teñan en conta as necesidades sociais de todos e cada un dos barrios”.

Vigo, 21-01-2019. Á vista dos últimos datos sobre os niveis de renda da veciñanza viguesa ofrecidos pola Axencia Tributaria, Marea de Vigo insiste en que estes datos teñen que ser tidos en conta para todas as actuacións que se leven a cabo desde a institución municipal. En concreto, Marea de Vigo quere poñer o foco na diferenza en materia de investimento entre os barrios e parroquias, “casualmente moito máis elevada nos barrios con rendas máis altas, deixando á marxe moitas das necesidades de infraestruturas que teñen moitos barrios da cidade” engade Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Para a Marea de Vigo, “os investimentos teñen que facerse segundo a realidade social, isto implica tamén as necesidades relacionadas coa mobilidade, cuestión que non se está tendo en conta por exemplo na xestión dos fondos EDUSI en canto ás urxencias en materia de mobilidade sostible e accesibilidade, alicerce fundamental deste tipo de fondos europeos” matiza Rubén Pérez.

Segundo a Marea de Vigo, “os datos da Axencia Tributaria veñen poñer enriba da mesa unha realidade e á vez un útil instrumento que este Goberno local semella non querer ver. Medidas como unha fiscalidade progresiva (ao igual que xa se fai co cobro do lixo), ou o feito de ter en conta estes datos cara á realización do planeamento urbanístico son ferramentas cara á facer unha cidade acorde coa realidade económica da súa veciñanza e acorde ás súas necesidades”.