marea de vigo afirma que a posible quebra da concesionaria vitrasa supón unha oportunidade para a remunicipalización do servizo.

1 de Abril de 2022

Marea de Vigo afirma que a posible quebra da concesionaria VITRASA supón unha oportunidade para a remunicipalización do servizo.

Rubén Pérez: “Non tendo un mecanismo de empresa pública para o rescate, a quebra da concesionaria permitiría ao Concello asumir a xestión de servizo de maneira directa ante unha situación sobrevida”.

Fronte ao catastrofismo expresado pola empresa concesionaria do transporte público en Vigo, VITRASA, alertando de estar en situación de quebra, Marea de Vigo quere sinalar a “gran oportunidade” que iso supón para iniciar o proceso de remunicipalización do servizo por parte do Concello.

Vigo, 01-04-2022. O Grupo municipal da Marea de Vigo lembra que a nosa cidade “é un dos poucos grandes concellos no conxunto do estado que non ten ningunha empresa pública que sirva para recoller as concesións a medida que van finalizando, ou quebrando, se é este o caso” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo. “Este tipo de empresa pública si que o ten o Concello de Santiago de Compostela, sendo este o organismo que remunicipalizou servizos como o da grua ou o da ORA durante o mandato de Compostela Aberta” lembra o voceiro.

No caso de Vigo, ao non existir organismo autónomo cuxa función social sexa esta e ao non existir empresa pública, “a remunicipalización debería ter coma orixe o abandono da concesionaria para que a indemnización non fose excesivamente alta” sinala Pérez. Non obstante, Marea de Vigo lembra que “Vigo ten os suficientes recursos económicos e a suficiente capacidade financieira – contando ademais cos fondos provenientes de europa e as transferencias do estado – para poder rescatar esta concesión e integrar ao cadro de persoal de VITRASA dentro da relación dos postos de traballo do Concello” matiza o voceiro.

Para a Marea de Vigo, o anuncio de posible quebra de VITRASA debe supoñer, máis que unha ameaza, unha oportunidade para poder recuperar o servizo do transporte urbano para o público, “unha concesión que foi privatizada fai moitos anos e dun xeito torticeiro” apunta Rubén Pérez. “As ameazas son permanentes e sempre utilizando a posibilidade de recortes de dereitos no seu persoal, xa é hora de que a administración local tome isto como unha oportunidade para sacar ao Grupo Avanza da concesión e volver a ter unha empresa 100% pública” conclúe.