marea de vigo afirma que a proposta de delimitación de zonas de baixas emisións formulada polo goberno local é “absolutamente insuficiente”.

30 de Setembro de 2022

Marea de Vigo afirma que a proposta de delimitación de Zonas de Baixas Emisións formulada polo Goberno local é “absolutamente insuficiente”.

O Grupo considera que a proposta debería ter sido dialogada co movemento ecoloxista, veciñal, e co sector do transporte.

Rubén Pérez: “O que propón o Goberno local é presidencialista e debe mellorar. Estando aínda na fase de delimitación para optar á subvencion do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, a proposta realizada polo Goberno local pode ser emendada para tal mellora”.

Vigo, 30Xa ten pasado un ano da moción que levou a Marea de Vigo ao Pleno, na que se demandaba que se comezara a traballar no establecemento de Zonas de Baixas Emisións no Concello de Vigo, “algo que o Goberno local xa tiña que facer de xeito obrigado” matiza Rubén Pérez. O Goberno de Abel Caballero, segundo a Marea de Vigo, “tiña que ter xa comezado os estudos para levalo a cabo xunto coa interlocución co movemento ecoloxista, xa que son estes os que teñen feito medicións sobre as actuais emisións que están provocando os vehículos particulares no centro da cidade” engade o voceiro.

Agora o Concello anuncia a delimitación destas zonas para optar á subvencion do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda urbana, que, entre outras tarefas, capta fondos europeos para trasladar aos Concellos.
A proposta actual “non está consensuada con ninguén e tiña ter sido consensuada cos colectivos ecoloxistas e así como os relacionados coa mobilidade sostible” afirma Pérez. Os argumentos sobre que zonas deben estar dentro ou fóra desta delimitación “non se sosteñen por exemplo coa exclusión da Gran Vía ou doutras arterias da cidade” engade.

Marea de Vigo insta ao Goberno local a que interlocucione coa cidade de xeito que, alén do movemento ecoloxista, tamén se fale co movemento veciñal co sector do taxi. “Precisamente Ecoloxistas en acción e Greenpeace veñen de presentar recentemente un informe sobre as emisións máis contaminantes que cremos debe ser tido en conta á hora de acometer as delimitacións así como todas as accións que se poidan levar a cabo neste eido” conclúe Rubén Pérez.