marea de vigo afirma que ryanair incumpre o prego técnico e administrativo do contrato maior de servizos para a promoción turística da cidade de vigo

20 de Decembro de 2018

Marea de Vigo afirma que Ryanair incumpre o prego técnico e administrativo do contrato maior de servizos para a promoción turística da cidade de Vigo e pide a súa rescisión para empregar eses recursos en políticas de promoción turística activas.

Rubén Pérez: “Os enésimos cambios en rutas incumpren de xeito evidente o prego técnico, que establece como obrigatoriedade no contrato, o establecemento de novas rutas internacionais cos mercados Centroeuropeos, italiano, nórdico e Reino Unido e Irlanda. Todas e cada unha destas rutas sustentan os recursos públicos do contrato polo que eliminar calquera deles ou modificalos, é incumprir o mesmo”.

Vigo, 20-12-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo pide ao Goberno local que tome as medidas necesarias fronte a esta empresa especializada en incumprimentos contractuais e laborais e de ser preciso, cancele o programa e o uso destes recursos públicos que tanto se precisan mesmo noutras cuestións de carácter económico e social.

“Nunca compartimos que se adicaran 4.477.000 millóns de euros a este contrato porque a subvención ás liñas aéreas, como amosa de xeito palpable este contrato, non supón nin fidelización das mesmas nin un impacto determinante no turismo (a maior parte dos voos concertados son de carácter laboral e poden ser contratados por calquera persoa de calquera punto e lugar do mundo a pesar de empregarse recursos públicos locais), principal motivación para o outorgamento da subvención” explica Rubén Pérez.

As presións económicas e os cambios nas liñas que de xeito arbitrario realiza a compañía aérea, segundo a Marea de Vigo, “semellan ser unha evidente chantaxe para condicionar un novo contrato en 2019, mesmo pedindo triplicar o importe do mesmo non só sen aumentar as prazas senón mantendo un servizo deficiente en canto a horarios e con cancelacións de voos como os que se teñen vivido recentemente, cuxa xestión cara á resolución resultou ser moi deficiente por parte da compañía”.

Marea de Vigo quere lembrar tamén que, de xeito reiterado, a Comisión Nacional da Competencia, nos seus informes anuais, establece claramente que os máis de 250 millóns de euros en axudas á compañías aéreas que se entregaron nos últimos anos non serviron para facer viables as rutas comerciais en case ningún aeroporto e moitas desas axudas simplemente serviron para maquillar resultados económicos das propias compañías.

Para o Grupo municipal da Marea de Vigo, a solución inmediata para garantir voos estables desde Peinador é avanzar na defensa da xestión pública do transporte aéreo e especialmente dos órganos xestores aeroportuarios como AENA. Do mesmo xeito, considera que “a mellor axuda que se pode facer para que a veciñanza viguesa use o aeroporto e crear a figura, xa existente en Renfe, de Obrigas de Servizo Público por parte do Ministerio de Fomento, alomenos da ruta VIGO-MADRID e VIGO-BARCELONA, e polo tanto habilitar axudas en forma de rebaixas das taxas e prezos dos billetes. Xa vai sendo hora de entender que deixar o transporte aéreo ás leis de libre mercado e pretender que as axudas a compañías privadas repercutan no prezo final do billete é imposible” conclúe Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.