marea de vigo afirma que vitrasa non ten escusa para o descolgue salarial.
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo afirma que VITRASA non ten escusa para o descolgue salarial xa que no ano 21 dos 27 millóns de euros que declara como custe da explotación do servizo, 21 foron subvencións públicas.
Rubén Pérez, voceiro do Grupo, sinala que unha vez consultada a Conta Xeral do ano 2021, os datos de subvencións e indemnizacións que percibiu VITRASA, nun ano no que ademais aumentou o número de pasaxeiros con respecto ao 2020, “é a todas luces un exemplo de que o Grupo Avanza minte nos datos económicos cos que pretende xustificar o descolgue salarial e o aumento do cómputo de horas do cadro de persoal”.
Vigo, 02-05-2022. Marea de Vigo considera que o “chorro” de recursos públicos que no ano 2021 cobrou VITRASA por diversos conceptos e que figura na Conta Xeral do Concello que se leva a Pleno este mes de maio, “é a todas luces un argumento para que as pretensións económicas e laborais do Grupo Avanza para a concesión do transporte público en Vigo queden desactivadas”. “Un negocio redondo” á vista da Conta Xeral do exercicio do pasado ano, “que deixa claro que a concesión do trasporte recibiu máis de 21 millóns de euros de aportacións públicas fronte os 27 millóns de euros que a empresa declarou como custo de explotación do servizo” explica o voceiro municipal.
Á subvención anual do Ministerio de Industria, que no ano 2021 foi de 1.679.739,30 euros, súmanse os 5.697.084,20 que recibiu Vigo en aplicación do RD 407/2021 que arbitrou subvencións directas para compensar a baixada de viaxeiros pola COVID. “Pero é que ademais se se suman as subvencións do Goberno local de parte do billete para determinados colectivos sociais (pensionistas, estudantes, bono social, así como unha parte do billete ordinario a través da PASVIGO) a estes importes hai que sumar 8.851.743,49 euros” detalla o edil.
Mais, a maiores destes importes, a Xunta de Goberno Local en sesión extraordinaria do 30 de xuño de 2021, en aplicación do Real Decreto 407/2021 e da Resolución da Secretaria Xeral de Financiación Autonómica e Local pola que se aproba a concesión directa de subvencións a favor das entidades locais polos efectos da COVID, cuxa aplicación é a de equilibrar as contas da concesionaria, aprobou unha proposta de requilibrio por unha contía de 3.502.120,64 euros, que xuntamente co pagamento feito o 18 de decembro de 2020 por unha contía de 2.194.963,56 euros, conforma os 5.697.084,20 euros correspondentes á Resolución da Secretaria General de Financiación Autonómica y Local. “Máis de 21 millóns de euros no ano 2021 que Vitrasa ten que reflectir nas súas contas e aclarar como é que no ano 2021 a maior parte dos seus ingresos viñeron de subvencións públicas e mesmo contando cun contrato que garantiza sempre os 20 millóns de pasaxeiros ou compensación económica por parte da administración local, cláusula que por certo, ao desaparecer da ampliación de 5 anos da concesión, parece ser a orixe do conflicto entre empresa e Concello no tocante a compensacións económicas” matiza Rubén Pérez.
Ante os datos, Marea de Vigo considera máis que evidente que “con estes números, a opción da remunicipalización do servizo do transporte en Vigo é absolutamente viable e necesaria” e pedirá informes e estudos que vaian orientados a erradicar a xestión indirecta do transporte público en Vigo, na liña do sistema de funcionamento público que opera na maior parte das grandes cidades do estado e de Europa.