marea de vigo afirma que tanto o accidente de o marisquiño así como todo o percorrido xudicial que está tendo “é unha mostra da parálise que vive a cidade nas infraestruturas de dependen de varias administracións cando non se ten vontade de consenso no máis básico”.

11 de Marzo de 2022

Marea de Vigo afirma que tanto o accidente de O Marisquiño como todo o percorrido xudicial que está tendo “é unha mostra da parálise que vive a cidade nas infraestruturas de dependen de varias administracións cando non se ten vontade de consenso no máis básico”.

“O Convenio Abrir Vigo ao Mar era meridianamente claro sobre a responsabilidade do mantemento do paseo das Avenidas pero Concello e Autoridade Portuaria levaban máis dunha década sen aclaralo – sinala Rubén Pérez – . Agora queda por saber se o colapso ten relación con ter autorizado un concerto nun espazo que non tiña os estudos de seguridade axeitados”.

Vigo, 11-03-2022. Foron varios e de diferentes cores os Gobernos locais e Presidentes de Autoridade Portuaria que pasaron dende a sinatura do convenio Abrir Vigo ao Mar, “mais nunca se aclararon suficientemente os compromisos de cada administración sobre os terreos de interacción porto-cidade e especialmente sobre o paseo das avenidas, que finalmente, colapsou” lembra Rubén Pérez. Para Marea de Vigo, a xestión de diferentes corporacións locais e Gobernos autonómicos do convenio Abrir Vigo ao Mar ao longo do tempo amosou que “cando non hai colaboración entre administracións, os espazos se degradan e se xeran baleiros legais sobre responsabilidades e mantemento” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Marea de Vigo denunciou a opacidade municipal dende o mesmo día do accidente, “obrigando ás vitimas a acudir á vía xudicial e negándose sistemáticamente a dar explicacións no Pleno” incide o voceiro. Este feito foi o que obrigou á Marea de Vigo a rexistrar unha moción en agosto de 2018 solicitando a apertura dunha comisión de investigación.

Marea de Vigo tentou dende o primeiro momento que no debate político e non no xudicial, se dirimira a responsabilidade de cada administración con respecto ao accidente, “especialmente no tocante a licenza de actividade, responsabilidade de outorgala para a celebración do concerto, controis de aforo e, obviamente, a responsabilidade do mantemento do espazo” engade Pérez.

Trala negativa por parte do Goberno do PSOE de Abel Caballero a toda investigación sobre o acontecido en O Marisquiño “máis aló dun Pleno Extraordinario cuxa duración foi de apenas media hora”, o Parlamento galego aprobou, coa abstención do PSOE, a apertura dunha Comisión de Investigación sobre o accidente, na que foi citado o voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez.

Naquela comisión, Marea de Vigo fixera fincapé nas cuestións relacionadas coa asunción de responsabilidades por parte das administracións con competencias no ámbito do accidente e nos permisos e licenzas do evento, e segundo as actuacións de cada unha. Naquela comparecencia o voceiro da Marea de Vigo sinalou que “O Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria teñen competencias compartidas e polo tanto responsabilidades no acontecido. As comisións de investigación deben ser espazos de traballo onde dirimir responsabilidades e traballar para poñer as medidas necesarias para poder evitar que volva a acontecer o que pasou o 12 de agosto do 2018” .

Para Marea de Vigo, por desgraza e pese ao expresado polo TSXG que estima o recurso da Autoridade Portuaria, “a solución xudicial está lonxe de producirse”. Porque, segundo considera Rubén Pérez, “a interpretación da responsabilidade do Concello de Vigo no mantemento si pode darse para unha parte substancial da zona, pero a colapsada non figuraba no convenio Abrir Vigo ao Mar como cedida ao Concello como parte dos terreos portuarios que se clasificaban como Interacción Porto Cidade, polo que non se sostén que o feito de usalos habitualmente o Concello para actividade poida significar de facto a súa inclusión nos terreos de interacción porto-cidade”.

Marea de Vigo considera que tanto Concello de Vigo como Autoridade Portuaria, “dende o primeiro momento do accidente comezaron unha manobra evasiva para evitar asumir as posibles responsabilidades, ofrecendo cara ao público unha serie de declaracións prematuras sen os informes técnicos e policiais precisos, mesmo desplazando a responsabilidade cara os organizadores do evento” asevera o portavoz. “Como dixemos no seu día, deberían ter ofrecido, de xeito responsable, a información relacionada coa xestión da infraestrutura onde se produciu o accidente ou sobre as propias xestións administrativas da solicitude de celebración do propio evento en canto a permisos, seguros, Plan de Autoproteción, emerxencias, etc., información coa que ademais ambas administracións contaban e soamente foron dispostas cando o Xulgado así o requeríu” conclúe Rubén Pérez.