marea de vigo alerta do aumento de desafiuzamentos en vigo froito do traspaso de activos inmobiliarios da banca aos fondos voitre.
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo alerta do aumento de desafiuzamentos en vigo froito do traspaso de activos inmobiliarios da banca aos fondos voitre.
Marea de Vigo súmase á denuncia da PAH Tui-Vigo, na que alerta que o vindeiro mércores unha nai con tres fillas menores poden ser expulsadas da súa vivenda e pide ao Concello e á Xunta que actúen de urxencia poñendo unha solución “inmediata e definitiva” para esta familia viguesa.
Vigo, 4-11-2018. Para a Marea de Vigo, o caso desta familia con tres menores e ingresos que apenas chegan aos 500 euros ao mes é un claro exemplo da práctica actual da banca, vendendo o seu activo inmobiliario a fondos voitre, neste caso ao fondo Cerberus, mesmo en moitas ocasións con familias inquilinas dentro, tal e como acontecerá este mércores de chegarse a executar o desafiuzamento.
Segundo informa a PAH, esta familia pagaba o alugueiro ao antigo propietario da vivenda, cambiando posteriormente a titularidade cara ao BBVA e agora a este fondo, Cerberus. A Plataforma tamén manifesta que as dúas administracións con capacidade de buscar solución; Xunta de Galicia e Concello de Vigo, nin tan sequera reciben de urxencia á familia e simplemente artellan as citas habituais nos servizos sociais sen tomar medidas de urxencia ao tratarse dunha familia con menores.
Marea de Vigo considera que na nosa cidade e nos concellos limítrofes constátase o fracaso de programas que acabaron sendo meramente publicitarios como o Programa de Vivenda da Xunta ou as políticas auto-proclamadas de loita contra os desafiuzamentos do Concello de Vigo, “meros parches oportunistas sen recursos económicos suficientes e programas útiles para parar esta lacra que están a vivir centos de familias especialmente dende o inicio da crise económica.”
Marea de Vigo considera que o feito de que este fondo de inversión norteamericano, ligado a altos cargos da antiga administración neoliberal de Bush e que está poñendo a súa gadoupa especialmente sobre os activos da gran banca do estado español (BBVA, Sabadell…) con moitas propiedades na cidade de Vigo, augura un problema serio de expulsión masiva de inquilinos á que as administracións públicas da cidade “teñen que anticiparse”. Cerberus está adquirindo o negocio inmobiliario das antigas caixas de aforro así como activos de entidades como Sareb, Bankia e Liberbank.