marea de vigo alerta do aumento de recortes de emprego contra o persoal das concesionarias municipais.

10 de Abril de 2019

Marea de Vigo alerta do aumento de recortes de emprego contra o persoal das concesionarias municipais provocados polo sistema de contratación pública do Goberno de Abel Caballero.

Rubén Pérez: “O criterio que se está levando a cabo nas mesas de contratación do Concello de Vigo mediante o que se contrata á empresa máis barata, significa destrución de emprego nos servizos concesionados, significa ERES e significa despedimentos”.

Vigo, 10-04-2019. “O Grupo municipal da Marea de Vigo vén denunciando a política de contratación pública do Goberno de Abel Caballero desde o principio da lexislatura, na que se sucederon varios episodios de conflitos laborais derivados da nefasta xestión da contratación pública que se leva a cabo neste concello. Non sendo un problema exclusivo deste servizo, esta situación foi especialmente crítica no recente conflito do servizo de XER” matizou Rubén Pérez na rolda de prensa ofrecida hoxe.

Lonxe de estar resolto, o Grupo municipal da Marea de Vigo afirma que, no caso da Xestión de Estacionamento Regulado, XER, “a empresa Dornier segue a incumprir os pregos de xeito flagrante”. Mais, para a Marea de Vigo, o máis grave arredor desta concesión, e o que semella estar xerando noutras concesionarias do Concello de Vigo, xa que, “a raíz dese conflito e do propio proceso de contratación, temémonos que o que hoxe vimos denunciar aquí, o caso da empresa que xestiona a Recadación Executiva, non sexa o único” engadiu Rubén Pérez.

“Marea de Vigo non se trabucou nin unha coma cando decidiu abandonar as mesas de contratación do Concello de Vigo -prosigue o voceiro – o sistema de contratación deste concello non só é opaco, senón que nos pregos administrativos se están facendo constar unha serie de criterios subxectivos nos que se se acaba priorizando a contratación de determinadas empresas fronte a outras, sistema que nos tememos poida chegar a vulnerar a propia Lei de Contratos Públicos”.

O sistema, segundo a Marea de Vigo, está claro. Estas empresas, como é agora o caso da empresa concesionaria da recadación executiva, SCI, conseguen os concursos públicos ofertando un prezo inasumible na realidade, caendo en baixa temeraria en moitos casos. A isto súmanse unha serie de melloras que acaban resultando sobre-puntuadas pola propia mesa, e que ninguén fiscaliza posteriormente. Tras obter o contrato, as empresas manifestan que sofren unha perda económica (cuestión obvia tras a oferta económica realizada) e xustifican así medidas contra o cadro de persoal, coma foron despedimentos no caso de Dornier na XER, e agora un ERE de suspensión no caso de SCI na Recadación Executiva. “Non se pode contratar a unha empresa que oferte en baixa temeraria cando o aforro económico sae ineludiblemente dos postos de traballo. E isto só é unha cuestión de vontade política” incide Rubén Pérez.

Marea de Vigo afirma ademais que non existe ningún argumento para ter privatizado o servizo de Recadación Executiva no seu día, nin para non levar a cabo a súa remunicipalización, mais tamén lembra que esta privatización foi feita e consolidada polos diferentes Gobernos municipais que pasaron desde entón, PSOE, PP e BNG.

“Imos ver todos e cada un dos documentos deste contrato, mais afirmamos xa que imos dicir que non a calquera expediente de regulación de emprego nunha concesionaria municipal” concluíu Rubén Pérez.