marea de vigo alerta da escalada de conflictividade laboral nas concesionarias municipais por negarse estas a aplicar as cláusulas de revisión salarial previstas nos convenios colectivos

28 de Abril de 2022

Marea de Vigo alerta da escalada de conflictividade laboral nas concesionarias municipais por negarse estas a aplicar as cláusulas de revisión salarial previstas nos convenios colectivos.

Rubén Pérez: “A folga no servizo de limpeza de dependencias municipais, o conflito de VITRASA, as denuncias da representación en parques e xardíns ou os incumprimentos da concesionaria do SAF xunto o bloqueo na negociación do convenio son exemplos da situación”.

Marea de Vigo denuncia a “tónica xeral” na actitude da maioría das empresas concesionarias que operan no Concello de Vigo; empresas con centos de traballadores e traballadoras, nas que “sistemáticamente estanse negando as subidas salariais vinculadas tanto ao IPC como ao convenio colectivo de aplicación” afirma Rubén Pérez. Esta práctica, segundo o voceiro municipal, “está sendo xeralizada argumentando que o IPC ten que ver cunha situación de excepcionalidade mais tamen poñendo trabas á aplicación da reforma laboral en canto á conversión dos contratos”.

Marea de Vigo considera que esta situación “ten que provocar unha reacción por parte do Goberno local” xa que, entre outras, nas licitacións públicas todos e cada un dos pregos teñen reflectidas unha serie de penalizacións por non cumprir a lexislación en materia laboral. “Estas penalizacións deben chegar a apartar a unha empresa concesionaria do servizo público que ten concesionado” engade o voceiro.

Dende a formación municipalista “sempre se vai defender a remunicipalización destes servizos”, mais, “mentres non teñamos nin lexislación nin capacidade normativa para poder recuperar todas estas concesións para o público, imos esixir a existencia de cláusulas sociais nas licitacións e que o incumprimento en materia de emprego como as subidas salariais, sexa considerado sempre como unha falta grave que poida poñer fin ao contrato entre a administración local e a concesionaria en cuestión” matiza Rubén Pérez.

Marea de Vigo considera “fundamental” que esas cláusulas se vaian incorporando a toda licitación pública “para evitar estas situacions, que devengan por unha banda en conflictividade e folga, e pola outra, na baixada de calidade dos servizos” afirma o portavoz.