marea de vigo alerta da escaseza de persoal no servizo de mantemento e conservación de mobiliario urbano.

8 de Xaneiro de 2019

Marea de Vigo alerta da escaseza de persoal no servizo de mantemento e conservación das áreas infantís, biosaudables, deportivas e mobiliario urbano, que conta só con 4 persoas a pesar do gran incremento destas infraestruturas na cidade.

Rubén Pérez: “O Concello, que xa modificou en dúas ocasións o contrato con Ferrovial aumentando os importes económicos pero sen esixir máis persoal para o servizo, non é consciente nin das necesidades, nin da degradación rápida de todos os materiais se non ten un mantemento preventivo e acorde ao número de instalacións que existen na actualidade”.

Os delegados sindicais da concesionaria levan meses tentando que o Goberno local os reciba para explicarlle a imposibilidade de que 4 persoas manteñan todo ese parque crecente.

Vigo, 08-01-2019. Soamente hai 4 persoas (4 de persoal operario máis un encargado) para os 135 parques infantís, 45 áreas biosaudables, dúas áreas ximnásticas e os máis de 2000 bancos que figuraban no prego técnico no momento da licitación. A isto agora súmanse novos parques infantís como os da rúa Aragón, Redomeira, Teixugueiras, Pizarro, Independencia, Venezuela, etc…. do mesmo xeito que aumentan en 3054 metros cadrados as áreas biosaudables en múltiples lugares e o número de bancos, que non deixa de crecer, supoñendo incrementos por enriba do 5% do que marca o prego asinado en 2015, mais o concello aumenta os importes económicos á empresa concesionaria Ferrovial, sen que esta aumente o persoal adicado, “amosando, unha vez máis, un absoluto desleixo no control das concesionarias públicas e, en definitiva, na propia responsabilidade con respecto á seguridade das viguesas e vigueses que fan uso destas instalacións municipais” matiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Marea de Vigo cualifica como unha “tónica xeral no goberno do Abel Caballero” o xeito de xestionar a contratación pública, polo que, na mesma liña que no resto de procesos de contratación pública que se levan a cabo no Concello de Vigo, no que atinxe a esta concesión, na adxudicación do contrato primaron os criterios estritamente económicos, ao adxudicar o contrato á empresa que ofertou máis barato, Ferrovial, aínda sendo esta a última clasificada nos criterios técnicos e de recursos humanos. “En decembro de 2018 aprobouse unha segunda modificación do contrato, que aínda que non supón unha cantidade importante no económico (15.000 euros anuais) si supón unha carga de traballo importante para un cadro de persoal ridícula e insuficiente nun contexto no que estas instalacións case se duplicaron nos anos que leva a actual concesionaria ao cargo deste servizo” engade Rubén Pérez.

Para a Marea de Vigo, unha vez máis queda en evidencia que o criterio de ser a oferta máis barata non pode ser o determinante para os procesos de contratación de servizos públicos. “Estas empresas empregan un criterio de recortes máis que evidente en materia de recursos materiais e humanos, estes últimos aínda máis patentes cando chegan os períodos de vacacións e non se cubren as mesmas ou por exemplo nos casos de cobertura por baixas” conclúe Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.