marea de vigo alerta da existencia de máis de 500 inmobles baleiros e en situación de ruina no centro urbano.

28 de Febreiro de 2021

Marea de Vigo alerta da existencia de máis de 500 inmobles baleiros e en situación de ruina no centro urbano que non figuran no rexistro de edificios e solares baleiros con edificación forzosa.

Ante a desidia do Concello, teñen que ser asociacións de defensa do patrimonio como ‘Vigo Baleiro’ as que inventarien e sinalen públicamente a desastrosa realidade de ducias de edificios, que terían que formar parte do rexistro, “especialmente aqueles que promotores ou propietarios forzan deliberadamente á declaración de ruína acosando en moitas ocasións a persoas con rendas antigas para que abandonen as súas vivendas, deixando que estas se degraden para logo, coa declaración de ruína, poder tiralos máis facil e económicamente” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

Vigo, 28-02-2021. Marea de Vigo afirma que é preciso reforzar o programa de edificación forzosa do Concello de Vigo, “programa que dende a súa aprobación o 11 de abril de 2019 so atesora 24 inmobles, dos que se consideran só prioritarios os tres de Praza da Igrexa no Casco Vello, que non revestían risco de derruba e que mesmo tiñan actividade comercial” apunta Oriana Méndez, polo que “o criterio de prioridade do Concello fronte a moitos inmobles que mesmo teñen risco de derruba, é, cando menos, discutible” matiza a concelleira.

Dende Marea de Vigo pídese que tanto este programa como o das ARIS sexa prioritario en urbanismo, tamén fronte a edificación de novas vivendas xa que, segundo Oriana Méndez, “abordar de xeito serio a erradicación de edificios en ruinas do centro urbano, sería unha intervención pública mesmo con prezo de vivenda regulado e controlado ante unha imparable escalada de prezos de alugueiros e vivenda nova”.

“O Concello semella pensar, na contra, que este programa só é un mecanismo para habilitar espazos singulares no casco histórico, cando o obxectivo prioritario do programa é consolidar a estrutura urbana existente nas zonas históricas e a expansión dos barrios tradicionais desta cidade, construíndo solares para completar a trama urbana nestas zonas e mellorar a súa imaxe” explica Oriana Méndez.

Marea de Vigo considera “ilustrativo” que na maioría dos casos trátase de edificios propiedade de promotoras e construtoras que, segundo engade a concelleira do Grupo, “deberían ter a obriga de edificar ou rehabilitar e en caso de non facelo, o concello debería expropiar o edificio como xa permite actuar a ordenanza”.

Marea de Vigo reclama que se traballe con adicación especial a este e outros programas que permitan incluír outras áreas tal e como recolle o mesmo, así como para dar acubillo a áreas especialmente deterioradas e de menor tamaño, co propósito exclusivo da necesaria renovación urbana para así “revitalizar as zonas afectadas creando novas actividades económicas, residenciais, comerciais coa conseguinte mellora dos espazos urbanos. Asociacións como ‘Vigo Baleiro’, que conta cun inventario de arredor de 500 inmobles que se poden consultar publicamente nas súas redes sociais, poñen de relieve a falta de vontade por parte do Goberno local á hora de afrontar a realidade urbanística da nosa cidade, deixando entrever posibles intereses nesa deixadez” conclúe Oriana Méndez.