marea de vigo alerta da improvisación das instalacións de alumeado de nadal, a temeridade no gasto das mesmas e pide a actualización do plan de emerxencia para as festas deste ano.

21 de Setembro de 2018

Marea de Vigo alerta da absoluta improvisación nas actuacións de instalacións decorativas de Nadal e advirte da temeridade no gasto do alumeado de Nadal que comporta o contrato de 4 anos levado a cabo polo goberno local de Abel Caballero.

Rubén Pérez: “Nin se moveu un dedo para obter os permisos obrigatorios e necesarios para por exemplo poder perforar nas paredes de vivendas á hora de fixar o cableado nin se actualizou o Plan de Emerxencia ante posibles aglomeracións no centro da cidade”

Vigo, 21-09-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo cualifica como indecente un gasto tan desorbitado nunha campaña de Nadal e lembra que “imos ter ‘secuestrados’ durante 4 anos un importe superior aos 4 millóns de euros só en alugar luces de Nadal, moitos concellos están adquirindo xogos de luces precisamente para evitar estes importes elevadísimos e os van rotando polos barrios nos anos sucesivos. É obsceno que nunha cidade cun 21% de pobreza familiar sumados todos os importes económicos poida rozarse os 2 millóns de euros de gasto (luces, adornos decorativos, cabalgata e programas de dinamización do comercio)” incide Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Para a Marea de Vigo é necesario reconsiderar gran parte deste gasto, reducindo importes dos recursos económicos consignados e recuperando material que no seu día adquiríu o concello, “material por certo que aínda alguén terá que explicar onde acabou porque non figura no inventario municipal a pesar de ser unha adquisición pública”, sinala Pérez. “Do mesmo xeito -engade- poderíase fomentar a participación do deseño do alumeado e dos adornos de rúa na comunidade escolar de Vigo, como fan en moitas grandes capitais. Entregar millóns de euros a unha empresa é o fácil, o outro require un goberno con ideas e iniciativa agora ausente na cidade”.

Marea de Vigo reclamará no Pleno a actualización do Plan de Emerxencia Municipal, que soamente recolle grandes concentracións de persoas no caso da Reconquista, Festival de Rondallas, Día da Muiñeira, Cabalgata de Reis, Entroido, Semana Santa e concertos puntuais que se poidan celebrar. “Nin tan sequera aparece mención ao Marisquiño, cando este leva realizándose 18 anos. Non existe absolutamente nada planificado ante avalanchas ou emerxencias nas zonas céntricas da cidade, dando a imaxe do modelo de goberno que Abel Caballero organiza co ‘ordeno e mando’ por enriba das cautelas e a planificación de actuacións desta dimensión” conclúe Rubén Pérez.