marea de vigo alerta da insuficiencia de recursos humanos e materiais no contrato de mantemento de mobiliario urbano.

2 de Agosto de 2018

Marea de Vigo alerta da insuficiencia de recursos humanos e materiais no contrato de mantemento e conservación de áreas infantís, biosaudables, áreas deportivas ximnásticas e mobiliario urbano.

Xosé Lois Jácome: “ Soamente hai 5 persoas para os 135 parques infantís, 45 áreas biosaudables, dúas áreas ximnásticas e os máis de 2000 bancos que figuraban no prego técnico no momento da licitación”.

Vigo, 2-08-2018. Marea de Vigo considera absolutamente insuficiente que, mentres estas instalacións case se duplicaron nos anos que leva a actual concesionaria ao cargo deste servizo, o persoal siga sendo o mesmo que no ano 2014, momento no que se levou a cabo o proceso de contratación. “Aínda é máis grave tendo en conta que durante estes anos de contrato, a empresa si que cobrou polos incrementos de mobiliario urbano no servizo, mais non aumentaron nin o persoal nin o material” engade Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo cualifica como unha “tónica xeral no goberno do Abel Caballero” o xeito de xestionar a contratación pública, polo que, na mesma liña que no resto de procesos de contratación pública que se levan a cabo no Concello de Vigo, no que atinxe a esta concesión, na adxudicación do contrato primaron os criterios estritamente económicos, ao adxudicar o contrato á empresa que ofertou máis barato, Ferrovial, aínda sendo esta a última clasificada nos criterios técnicos e de recursos humanos.

“Unha vez máis queda en evidencia que o criterio de ser a oferta máis barata non pode ser o determinante para os procesos de contratación de servizos públicos. Estas empresas empregan un criterio de recortes máis que evidente en materia de recursos materiais e humanos, estes últimos aínda máis patentes cando chegan os periodos de vacacións e non se cobren as mesmas ou por exemplo nos casos de cobertura por baixas laborais” engade Xosé Lois Jácome.