marea de vigo alerta da inviabilidade do modelo de mobilidade urbana proxectado no novo pxom en termos de sostenibilidade e organización do tráfico na cidade.
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo alerta da inviabilidade do modelo de mobilidade urbana proxectado no novo PXOM en termos de sostenibilidade e organización do tráfico na cidade.
Rubén Pérez: “Apuntalar un modelo que comporta a entrada de miles de vehículos privados na cidade, non emendar e actualizar o sistema de transporte público xunto ao feito de que sexamos a cidade co maior ratio de vehículos privados por habitante augura a cronificación dos atascos en amplas zonas da cidade e a elevación dos niveis de contaminación atmosférica a números que xa poden considerarse de risco para a saúde”.
Vigo, 11-01-2022. O Grupo municipal da Marea de Vigo non entende como a proposta de novo PXOM “non estudou de xeito rigoroso unha mobilidade para o século XXI e segue apostando polos modelos do século pasado – apunta Rubén Pérez -, con viais que atravesan a cidade para seguir facilitando a entrada de vehículos privados, como a proxectada ampliación da PO-010 entre Baruxáns e a VG-20 na Barxa que, con catro carrís, túneles e viaductos, tronza varias parroquias do rural”. A xeralización de modelos de mobilidade baseados en facilitar exclusivamente tránsitos de vehículos privados, segundo a Marea e Vigo, “é pura ‘prehistoria’ na maior parte da mobilidade e deseño urbanistico das grandes áreas metropolitanas europeas, e Vigo, está colocándose xustamente nas antípodas disto coa proposta de mobilidade contida no novo PXOM”.
Á realidade da entrada diaria de miles de vehículos doutros concellos limítrofes, “únese ao feito de que na cidade temos un parque de 151.871 vehículos (máis de un vehículo cada dúas personas) ademais de 40.000 motos – matiza o voceiro municipal -. Un parque que comporta, recoñecido pola propia dirección xeral de tráfico, problemas de polución atmosférica e emite o dobre de gases contaminantes do recomendado pola Organización Mundial da Saúde”.
O modelo de desenvolvemento futuro da cidade non só non establece a implantación de zonas de baixas emisións no centro urbano, tal e como foi solicitado por Marea de Vigo nunha moción que foi ao Pleno recentemente e que vai ser unha norma de obrigado cumprimento para as grandes cidades do estado, senón que “non analiza o grave impacto no transporte público de non denunciar a concesión de Vitrasa e redactar un novo prego cun novo sistema tarifario e de rutas que fixese ‘atractivo e asumible en custos’ o uso do autobús a miles de vigueses e viguesas que actualmente non o consideran (horarios, rutas, prezo) unha alternativa asumible de mobilidade” engade Pérez.
Para Rubén Pérez, “a mobilidade sostible e a efectividade das modalidades urbanas de transporte constitúen sen dúbida un dos grandes retos que terán que afrontar nos vindeiros anos as grandes cidades do estado, Vigo entre elas. O sistema ferroviario de cercanías, o transporte público barato e gratuíto mesmo para colectivos desfavorecidos, o vehículo eléctrico, a creación de espazos e itinerarios peonís (tamén escolares) así como os sistemas de mobilidade intraurbana mediante bicicletas e patíns eléctricos requiren un planeamento diferente, audaz e innovador da fisionomía da nosa cidade, feito que ten que ter que plasmarse non só en plans como o PMUS, cuxa recente modificación e actualización felicitamos aínda que queda emendado pola realidade contida no PXOM, senón en desenvolvemento de infraestruturas e decisións políticas que faciliten esa transición e a definitiva e paulatina erradicación do vehículo particular de combustión de enerxía fósil dos nosos centros urbanos”. Porque, segundo defende a Marea de Vigo, “é unha evidencia que gran concentración desta tipoloxía de tráfico e as emisións provocadas por esta nas nosas cidades é xa un problema de saúde de primeira magnitude” conclúe o voceiro municipal.