marea de vigo alerta da perda de democracia do concello cun pleno cada vez con menos debate político e cuxo alcalde se ausenta de xeito reiterado e sen xustificar.

31 de Xaneiro de 2019

Marea de Vigo alerta da perda de democracia do Concello cun Pleno cada vez con menos debate político e cuxo alcalde se ausenta de xeito reiterado e sen xustificar.

Rubén Pérez: “O Pleno non é regulado por un alcalde, senón por unha Lei, e as ausencias teñen que ser xustificadas. O Pleno do Concello de Vigo non é o cortello do Alcalde”.

Vigo, 31-01-2019. Na rolda de prensa ofrecida hoxe, o Grupo municipal da Marea de Vigo centrou a valoración do Pleno do día de onte na postura da Marea de Vigo con respecto á moción do PSOE sobre a Biblioteca do Estado. En alusión á moción,o voceiro do Grupo Municipal sinalou que “non tiña razón de ser unha moción sobre un proxecto do Estado para o cal non hai nin un euro nos orzamentos xerais do Estado, e menos aínda pedir que se faga nun edificio ‘novo e singular’. A maior parte das grandes bibliotecas europeas están en edificios rehabilitados, a teoría do alcalde sobre a necesidade doutro edificio novo non ten sentido, que lea mesmo o primeiro documento sobre a redacción do novo PXOM para Vigo, no que se fala sobre a prioridade da rehabilitación sobre a nova construción”.

Por outra banda, Marea de Vigo quixo expresar o seu apoio ás diferentes expresións e reivindicacións trasladadas publicamente polo corpo de bombeiros nesta semana. “Apoiamos todas e cada unha das declaracións que o corpo de bombeiros foi expresando nos pasados días a través de sucesivas roldas de prensa. A situación deste servizo en Vigo é extremadamente grave e toda a responsabilidade é única e exclusivamente do Goberno local e a súa xestión de persoal”.

“É o Goberno local quen ten a responsabilidade de cubrir os efectivos necesarios, e, dende logo, comentarios como os que fixo o concelleiro de Seguridade, con respecto a incapacidades temporais, están fóra de lugar e dunha grande irresponsabilidade” subliñou o voceiro. “As escusas para non incrementar o persoal xa non valen, como xa non vale a escusa da taxa de reposición e do ex-ministro de Facenda Montoro, que xa non está no Goberno. O problema é que o Goberno do PSOE, con Abel Caballero ao fronte da FEMP, tampouco quere abrir o debate sobre os incrementos dos cadros de persoal dos municipios. Isto vai ser moitísimo peor cando, nuns anos, se produzan máis xubilacións, momento no que nin cunha taxa de reposición do 110% se chegará a un mínimo razoable” concluíu Rubén Pérez.