marea de vigo alerta da proliferación de vivendas para alugueiro vacacional en detrimento dos alugueiros ordinarios.

21 de Xuño de 2022

Marea de Vigo alerta da proliferación de vivendas para alugueiro vacacional en detrimento dos alugueiros ordinarios.

Rubén Pérez: “Precisamos xa dunha regulación seria para evitar o crecemento descontrolado deste tipo de formato turístico ante o alto impacto que ten sobre a vivenda dispoñible en réxime de alugueiro para vivenda habitual na cidade de Vigo”.

Marea de Vigo considera que a incapacidade da Xunta e o Concello para desenvolver vivenda pública sumada á falla de fiscalización da conversión do parque de alugueiro en parque de vivenda vacacional, que está crecendo a un ritmo inasumible, deixará como alternativa para moitos vigueses e viguesas marchar da cidade.

Vigo, 21-06-2022. A cidade de Vigo, con 300.000 habitantes, ten na actualidade 4.500 prazas hoteleiras, ás que se suman ás novas 200 prazas do novo Hotel Samil. Os 743 pisos turísticos rexistrados – con crecementos anuais de máis do 40% – , xunto aos 356 apartahoteis, “suman xa máis prazas que as ofertadas polos hoteis e hostais da cidade” afirmou Rubén Pérez; o que significa, entre outras cousas, que “nos meses de verán, moitos veciños e veciñas de Vigo que renovaban os seus alugueiros nesas datas estanse atopando con que non se lles renova coa escusa da ocupación da vivenda por familiares cando a realidade é que acaban sendo pisos turísticos – sinalou Rubén Pérez na rolda de prensa ofrecida hoxe -. Cada vez máis persoas, a título individual, asi como pequenas empresas, ás que deciden converter as súas vivendas en apartamentos turísticos”.

Rubén Pérez afirmou que “sería asumible ter un incremento de prazas neste formato, mais sempre e cando existise alternativa habitacional para o alugueiro convencional”, mais a realidade é que “agora mesmo hai máis pisos para alugueiro vacacional que para alugueiro ordinario” suliñou o voceiro. O que vai implicar, inevitablemente, “a perda de censo na cidade de Vigo tendo tamén en conta que de aplicarse a nova normativa europea, habera un encarecemento das hipotecas” engadiu.

Para Marea de Vigo, trátase dun “problema serio que debe abordarse dende todas as administracións”. “En primeiro lugar, instamos á Xunta de Galicia á inspección permanente deste tipo de vivendas e o cumprimento da lexislación vixente, así como a comprobación sobre se están dadas de alta na actividade, e de non ser así, que se apliquen as sancións correspondentes”
En canto ao concello, Marea de Vigo ínstao a que elabore unha norma ou unha modificación da ordenanza de actividades económicas para regular de xeito efectivo a proliferación deste negocio.

“Xunta e Concello como administracións públicas teñen que asumir a necesidade de levar a cabo oferta pública de vivenda, en réxime de alugueiro con dereito a compra – fórmula preferida pola veciñanza viguesa no momento de darse de alta no rexistro de demandantes de vivenda pública – xa que de non facelo, a cidadanía vai quedar atrapada entre un alugueiro prohibitivo e unha hipoteca inasumible e inaccesible”.

“É unha situación moi grave que o alugueiro convencional se estea a substituír por unha fórmula, aínda que lexítima e legal, absolutamente especulativa” concluíu Perez.