marea de vigo alerta do desmantelamento de barreras e o silencio cómplice de accionistas e administracións públicas.

3 de Outubro de 2019

Marea de Vigo alerta do desmantelamento de Barreras e o silencio cómplice de accionistas e administracións públicas.

“Durante esta semana- afirmou Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo – os traballadores nos están a informar da quita masiva de ferramentas e materiais das empresas auxiliares por medo a que o preconcurso inmobilice activos. Xa son centos os traballadores enviados ao desemprego ou a vacacións forzosas nas empresas auxiliares”.

Vigo, 3-10-2019. Marea de Vigo xa alertara fai anos que o abandono de PEMEX da inversión en Barreras confirmaría as sospeitas da intención real da compra do estaleiro; Hoxe, por desgraza, confírmase.
O Grupo municipal espera que o actual Goberno non opine como o do PP en 2013, que consideraba que Barreras tiña que someterse ás “solucións de mercado” e descartaba a intervención pública no estaleiro, e pide “a intervención pública nun estaleiro privatizado nos anos 90 dun xeito opaco”.

Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo, considerou hoxe que “o anuncio de preconcurso de acreedores, a situación accionarial e a importancia estratéxica do sector obrigan ao Goberno a dar a batalla por un sector naval público recuperando estaleiros privatizados e admitir que o modelo actual de construcción europea é incompatible coa defensa dos sectores productivos xeradores de emprego en Galicia”.

“É un feito que nestes dias están as empresas auxiliares a retirar material e ferramenta das instalacións de Barreras e os despedimentos de persoal ou o envío do mesmo a vacacións xa se contan por centenares. Unha situación alarmante que se produce en silencio e coa compricidade dos accionistas do estaleiro – matizou a concelleira da Marea de Vigo – Xunta e Goberno Central teñen que tomar todas as medidas necesarias para salvagardar os intereses públicos e o ben xeral evitando que o diñeiro público investido nesta empresa e o esforzo fiscal de quitas e axudas acabe sendo pasto de intereses afastados do interese xeral”.

Para Marea de Vigo “é indignante a posición ausente da Xunta, que foi responsable en 2013 de que un gran estaleiro, que no seu día foi público, fose vendido a unha multinacional mexicana da que non se coñecía máis interes que apropiarse do know-how da construcción naval e que agora vende a outro grupo inversor a maioría do estaleiro”.

Oriana Méndez engadiu que, ao igual que Francia e Holanda, “teríamos que enfrontarnos seriamente á lexislación europea en materia de presencia pública no sector da construción naval. Queremos medidas de ‘urxencia estratéxica’ como as que tomou Francia cos estaleiros TX en Saint-Nazaire, especializados en cruceiros, estaleiros que o Goberno francés pretende nacionalizar aínda contravindo as leis europeas para salvagardar a industria estratéxica do país e que, dende 2017, xa están temporalmente nacionalizados”.