marea de vigo alerta do deterioro cultural que pode sufrir o marco de asumir o concello a totalidade do padroado

21 de Xuño de 2017

MAREA DE VIGO ALERTA DA PERDA E DETERIORO CULTURAL QUE O MUSEO DE ARTE CONTEMPORÁNEA DE VIGO (MARCO) PODE SUFRIR SEN UN EQUIPO DIRECTOR E UN PROXECTO DEFINIDO E PLANIFICADO.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal, considera que a “batalla de poder do PP e PSOE dende diferentes institucións dentro do Padroado do MARCO pode significar a defunción deste museo como espazo referencial da arte contemporánea en Galicia”.

Para Marea de Vigo, o feito de que o Concello de Vigo acabe asumindo a totalidade do Padroado e a maioría da inversión orzamentaria non pode alterar o proxecto museístico que durante anos, contra todas as dificultades, foron quen de sacar adíante os equipos directores do museo, referenciando a cidade de Vigo mesmo nos máis importantes circuítos de arte contemporánea do estado.

“O feito de que todo o peso económico recaía agora no Concello, que non existise unha vontade de que vellos actores como a Deputación volvesen ao padroado, xunto coa dimisión do actual director e a falla de programación cultural a medio prazo amosa unha grave falla de proposta como contedor cultural para o único museo en Vigo cun nivel de actividade e visitantes aceptable” expón Rubén Pérez

O MARCO, especialmente baixo a dirección de Iñaki Martínez, chegou a facerse un oco xunto a grandes museos de referencia internacional, polo que, a apertura do proceso para a contratación do novo director debe contar necesariamente con criterios de méritos e experiencia. Proxectar unha xestión centralizada dentro da Rede Museística Viguesa é un erro absoluto.

A situación de desamparo do museo era evidente, dados os recortes dos orzamentos pola vía da marcha de diferentes administracións que aportaban recursos, o sistema concesionado a empresas para a xestión das salas, a infrautilidade de espazos como o anexo posterior (agora de uso hostaleiro case en exclusividade), a desaparición da tenda, etc…exemplos todos do que ten vivido o museo nestes últimos anos e, no caso das dotacións orzamentarias, causas da propia situación.

Agora, lamenta Marea de Vigo, o feito de que todo o poder sobre o espazo do MARCO xire en torno as ocorrencias da alcaldía de Vigo, tratando de encaixar exposicións ou eventos que non teñen nada que ver coa arte contemporánea e a súa divulgación colectiva e social, pode supoñer un grave prexuízo cara o propio museo, provocando tanto a perda de identidade como a perda do recoñecemento conseguido durante os pasados anos.