marea de vigo alerta dunha nova tentativa para liberalizar horarios comerciais baixo o paraugas das zonas de afluencia turística.

2 de Xuño de 2022

Marea de Vigo alerta dunha nova tentativa para liberalizar horarios comerciais baixo o paraugas das Zonas de Afluencia Turística.

Rubén Pérez: “Subscribimos o expresado polas organizacións sindicais sobre manter as zonas pactadas sen liberalizar máis horarios comerciais por toda a cidade, feito que destrozaría aínda máis ao pequeno comercio e todo elo sen xerar emprego”.

Vigo, 02-06-2022. Marea de Vigo coñeceu nestes días que o Goberno de Abel Caballero está estudando ampliar algunha das Zonas de Afluencia turística a petición dalgunha asociación maioritariamente de hostaleiros/as xunto ao interés dalgún operador de centros comerciais. Proponse ampliar as zonas pactadas no seu día co beneplácito das organizacións sindicais e de comerciantes. “Estas zonas ubícanse nomeadamente en espazos de gran presenza hostaleira, mais xa daquela altura tratouse de incluír o centro comercial A Laxe, que, xunto ao centro comercial Vialia, é o que se pretende incluír desta volta” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

A normativa estatal e autonómica en materia de comercio permite ás cidades que sobrepasan as 600.000 pernoctacións turísticas ao ano establecer Zonas de Afluencia Turística, onde se liberalizan os horarios comerciais, ampliando xornadas dos comercios ata as 22h e permitindo, entre outros, abrir os domingos en sectores onde isto non se contempla de xeito habitual e acorde aos convenios colectivos deses sectores.

Marea de Vigo considera que “esta nova proposta de ampliación non se sostén e ademais neses espazos hai negocios “perigosos” de ampliarse o horario como é o casino de A Laxe e, “dende logo, a ubicación de Vialia non é unha zona de afluencia turística, senón unha zona puramente comercial, e propoñelo por esta vía abriría un novo proceso de precarización do emprego e máis dano aínda ao comercio local da zona” engade Pérez.

Marea de Vigo nunca entendeu esa lei, xa que fomenta a precariedade laboral e o emprego desregulado dende as administracións, “permitindo instaurar un réxime de explotación laboral e de desregularización de horarios sen xerar novos postos de traballo específicos para as horas xeradas pola ampliación de xornada, tal e como está acontecendo nas cidades nas que xa se está aplicando a devandita Lei” matiza o voceiro.