marea de vigo alerta do perigo que pode supoñer que un servizo esencial coma o servizo de axuda no fogar poida acabar nas mans de domusvi.

18 de Setembro de 2020

Marea de Vigo alerta do perigo que pode supoñer que un servizo esencial coma o servizo de Axuda no Fogar poida acabar nas mans de DOMUSVI.

O servizo, ata agora en mans de Clece (propiedade de Florentino Pérez) podería ser adxudicado nos proximos días a Servisar, empresa do grupo DomusVi, “unha empresa tristemente destacada en precarizar os coidados para optimizar o seu negocio” destaca Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

Vigo, a 18-09-2020. “Defendímolo no Pleno do Concello de Vigo o mes de xullo, aberto o proceso de licitación do Servizo de Axuda no Fogar: se hai negocio, non hai coidados. Cómpre avanzar na municipalización do Servizo de Atención no Fogar e garantir unhas condicións dignas no traballo esencial dos coidados” apunta Oriana Méndez. Do mesmo xeito, “tamén defendimos e seguimos a defender a necesaria xestión pública directa dos centros socio-sanitarios de atención á dependencia, nomeadamente as residencias de maiores” engade.

A xestión de Clece e o exercicio de control por parte do Goberno local presentaba xa moitas dúbidas, como ten expresado a Plataforma SAF Galiza, “pero a concesión a DomusVi cando aínda estamos en plena pandemia resulta verdadeiramente preocupante” matiza a concelleira.

Nos últimos meses, DomusVi foi denunciada ante a Fiscalía por parte de familiares de residentes e foi sinalada publicamente por someter a un trato indigno tanto ás traballadoras como ás usuarias, apesar de cobrar inxentes cantidades económicas aos seus residentes. En definitiva, “DomusVi representa un claro exemplo de mercantilización do dereito aos coidados. Representa, precisamente, o camiño errado: caos, desatención dos usuarios e precarización das traballadoras. Vímolo nos peores momentos da pandemia” incide Oriana Méndez.

Marea de Vigo denuncia ademais a chantaxe empresarial e as presións que estas empresas de servizos, enriquecidas tras a crise do ladrillo, están exercendo nos concellos para condicionar os prezos e incluso inflalos coa escusa da aplicación dos protocolos da covid (non correspondida cos equipos de prevención entregados ás traballadoras tal e como veñen denunciando), ameazando incluso con deixar de prestar o servizo (caso de Cangas). “As administracións deberian evitar esta chantaxe empresarial permanente remunicipalizando o servizo, tal e como teñen feito moitos concellos do estado” engade Oriana Méndez. “Insistiremos en que o Concello de Vigo avance na xestión pública directa dos servizos sociais, pois non podemos permitirnos que a saúde e a vida das nosas veciñas máis vulnerables sexa obxecto de negocio para uns poucos” conclúe a concelleira.