marea de vigo alerta do risco de licitar nun único contrato toda a limpeza viaria, recollida selectiva e contenerización cun importe de 490 millóns de euros.

21 de Xaneiro de 2022

Marea de Vigo alerta do risco de licitar nun único contrato toda a limpeza viaria, recollida selectiva e contenerización cun importe de 490 millóns de euros.

Marea de Vigo considera esta licitación “un risco, a máis costosa da historia da cidade, e que fará desenbolsar ao Concello 490 millóns de euros en 10 anos”, e pide repensar o modelo establecendo de novo lotes para evitar que unha empresa privada xestione todos os servizos públicos asociados.

Rubén Pérez: “Encher as rúas de contedores de plástico virxe non é precisamente a estratexia máis idónea dentro da propia ESTRATEXIA LOCAL DE ECONOMÍA CIRCULAR (FEMP 201), que identifica entre varias medidas de actuación: potenciar a prevención na xeración de residuos, fomentar a reutilización e a reparación e promover a segregación en orixe e a recollida separada de residuos domésticos”.

 

Vigo, 21-01-2022. O Grupo municipal da Marea de Vigo discrepa profundamente que agrupar os tres lotes existentes nun só sexa algo que recomende a Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible, xa que, segundo explica Rubén Pérez, “non existe mención algunha a esta cuestión nos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), e, dentro deles, no ODS 11: CIDADES E COMUNIDADES SOSTIBLES, que si ben establece unha orientación sobre as actuacións e metas, sobre as cales todos os gobernos locais deben traballar para aportar o seu grao de compromiso, non se pronuncia sobre a identificación de agrupar todos os lotes nun só para unha xestión máis eficiente”.

Marea de Vigo afirma que con esta decisión “o Concello de Vigo navega á contra do que se está a aprobar en numerosos concellos, dende a propia remunicipalización dos servizos de limpeza, a recollida selectiva a través de empresas públicas de servizos, ata a retirada paulatina de contedores da vía pública para instaurar o servizo de recollida de RSU ‘porta a porta’, que é o sistema que funciona en toda europa salvo en España, Italia e Portugal que se opta dende hai anos polos contedores de carga lateral” matiza o voceiro municipal.

Para Rubén Pérez, “é pouco xustificado e esclarecedor” o informe técnico que xustifica agrupar todo nun macrocontrato multimillonario que ven a sustituir ao existente CONTRATO MAIOR DE SERVIZOS DO SERVIZO DE LIMPEZA: RECOLLIDA, TRANSPORTE E XESTIÓN DE RESIDUOS DOMÉSTICOS NO TERMO MUNICIPAL DE VIGO POR LOTES, que leva en vigor dende 2018 e que agrupa mediante tres lotes o mantemento, limpeza e reposición dos colectores para fracción “resto”, dos colectores soterrados, das papeleiras, e a recollida e transporte de residuos domésticos.

A propia UE recoñece como “errada” esta extratexia e mesmo realizou un Informe da Comisión ao Parlamento Europeo, ao Consello, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións, que solicita “Introducir requisitos obrigatorios para separar os biorresiduos e garantir que as infraestruturas de tratamento programadas ou existentes son adecuadas para os sistemas de recollida”. “Estas medidas inclúen, entre outras propostas, que se promovan onde haxa posibilidade para iso sistemas de recollida máis eficientes, como os ‘porta a porta’ ou o ‘quinto contedor pechado’, ademais de potenciar a construción de novas instalacións de tratamento biolóxico, priorizando as plantas de compostaxe fronte á biometanización” incide o voceiro.

O Grupo municipal da Marea de Vigo estuda nestes días o macrocontrato e seguirá “con detalle” todo o proceso de licitación aberto deste contrato, “por ser o máis alto en canto a recursos económicos dispostos da historia do Concello de Vigo e polo que supón dentro da estratexia de sustentabilidade ambiental que ten que artellar o concello para loitar contra o cambio climático” conclúe Rubén Pérez.