marea de vigo alerta ro risco que supón o peche dun dos parques de bombeiros da cidade por falla de persoal e esixe ao goberno local solucións inmediatas.

16 de Agosto de 2021

Marea de Vigo alerta ro risco que supón o peche dun dos parques de bombeiros da cidade por falla de persoal e esixe ao Goberno local solucións inmediatas.

Rubén Pérez: “É de extrema gravidade que un concello con 300.000 habitantes e co aumento do risco de incendios nos meses de verán teña un parque de bombeiros pechado por falla de persoal”.

Un día coma hoxe, 16 de agosto, patrón local con celebracións en numerosas casas e parroquias da cidade, só hai 11 bombeiros dispoñibles no parque de Teis para todo o termo municipal.

Vigo, 16-08-2021. A falla de efectivos no servizo de bombeiros obrigou a pechar durante toda a noite o parque que está actualmente nas instalacións da antiga depuradora. “O Goberno local leva arrastrando este problema dende hai meses e sen visos de solución – afirma o voceiro municipal – . En lugar de poñer medidas sobre a mesa, o único que fai é presionar ao pouco persoal que hai para que se realicen horas extras”. “Unha situación lamentable que a nova concelleira de persoal tampouco semella ter vontade de solventar” engade.

Marea de Vigo considera que o Goberno de Abel Caballero debe explicar “que medidas vai tomar para evitar que se estea vivindo unha situación que pon en perigo a centos de persoas, tanto en casos de incendio, accidentes e todos os demais servizos de emerxencia que realiza o servizo de bombeiros” sinala Rubén Pérez.

Dende Marea de Vigo afírmase que “se debe reordenar o servizo, cesar ao Xefe de Bombeiros pola súa nefasta xestión, e convocar de xeito urxente as ofertas públicas de emprego” segundo traslada o voceiro. Marea de Vigo seguirá esixindo no Pleno que se solvente a situación do servizo de bombeiros.