marea de vigo ante a aprobación para a redacción dun novo pxom

28 de Decembro de 2017

O Grupo Municipal da Marea de Vigo cualifica como “boa nova” que hoxe o Consello extraordinario da Xerencia de Urbanismo dese luz verde á redacción dun novo PXOM.

Rubén Pérez: “Celebramos que tras dous anos ‘enredando’, o Goberno Municipal chegase á mesma conclusión que, xa naquela altura chegara a Marea de Vigo, que non é outra que a redacción dun novo PXOM, para a cal pedimos a máxima celeridade e transparencia tras o valioso tempo perdido”

Marea de Vigo considera que ademais de actualizar a cartografía de Vigo e adaptar o planeamento á nova Lei do Solo e o seu Regulamento (vixente dende 2016) cómpre habilitar mecanismos participativos e informativos para emendar o escurantismo existente en todo o que rodea ao PXOM dende que en 2015 fora anulado o que estaba vixente.

O horizonte do 2021 para a aprobación inicial que sinala o prego técnico para ter o documento listo para a aprobación inicial supón esgotar o prazo de 3,5 anos que obriga a Lei de Acompañamento que desenvolve a ordenación provisional, algo que Marea de Vigo considera necesario acurtar para o desenvolvemento económico da cidade sen que necesariamente supoña unha carencia na transparencia e na posibilidade de alegación cidadá.

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, é necesario abrir en paralelo a parte de redacción técnica un debate na cidade de carácter multidisciplinario con economistas, activistas ambientais, arquitectos e urbanistas especializados en patrimonio, así como co tecido veciñal para traballar dende xa no modelo de cidade que queremos para Vigo, lonxe dos parámetros do plan aprobado no 2008, que contaba con fondas raíces na cultura do “pelotazo” urbanístico desenvolto neste país a partir da década dos 2000.

“É imprescindible traballar xa nun estudo económico financeiro, sociolóxico, de planeamento urbanístico e medioambiental rigoroso que preconfigure os traballos de redacción dun PXOM acorde a realidade da cidade de Vigo, ao seu crecemento normal, e especialmente sensible coa participación e opinión da cidadanía” engade Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.