marea de vigo ante a campaña da pnl da directiva da comunidade de montes de cabral

10 de Xullo de 2017

O Grupo Municipal da Marea de Vigo pídelle ás asociacións que dependen dalgún xeito economicamente da directiva da Comunidade de Montes de Cabral que non se deixen chantaxear por esta a cambio do apoio ao macro-centro comercial Porto Cabral.

Rubén Pérez: “ A Directiva da Comunidade de Montes de Cabral debería adicarse a protexer o monte en lugar fomentar a súa destrución”

Conforme á información chegada ao Grupo Municipal da Marea de Vigo, e mesmo difundida pola rúa, algunhas das mesmas asociacións que asinaron a PNL rexistrada pola directiva da Comunidade de Montes de Cabral, fixérono despois de vincular o apoio á obtención ou non de subvención económica.

A pesar de non ter aínda un grupo parlamentario que acolla a PNL que veñen de rexistrar no Parlamento Galego, a directiva da Comunidade de Montes está levando a cabo unha campaña na que nin tan sequera se manexan datos reais sobre o que se pretende construír en Liñeiriños.

Sen contar co respaldo da maioría dos comuneiros (tal e como se expresou en asemblea no seu día), a directiva da Comunidade de Montes de Cabral, en contra do seu cometido natural baseado na defensa do monte, insiste na obtención dos apoios para a venta dos mesmos para que un grupo inversor poida construír un macro-centro comercial e de ocio no lugar. No contido da PNL, solicitan ao Parlamento Galego a aprobación da vía da supra-municipalidade para poder encaixar o macro-centro comercial, mais, a todas luces, “esta vía queda descartada desde o momento no que, na mesma ten que se determinar o interese público, como sería o caso para a construción dun hospital ou unha escola, interese público que non existe para a construción de Porto Cabral”, explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

No eido das promesas sobre emprego que se están utilizando na campaña da Directiva da Comunidade de Montes, a Marea de Vigo insiste en botar a vista ao acontecido en Zaragoza, onde a desfeita sobre o comercio local e o emprego foi de gran relevancia, segundo as propias asociacións de comerciantes da cidade, e en ningún caso foi compensado co emprego xerado no propio macro-centro comercial (Puerto Venecia).

Por último, para aqueles que xa están falando de volver a meter o desenvolvemento do Ámbito de Liñeiriños (onde iría Porto Cabral) no vindeiro Plan Xeral, a Marea de Vigo tamén considera que, “someter á avaliación ambiental estratéxica un proxecto como Porto Cabral resulta inviable, tal e como quedou xa exposto na anulación do PXOM do 2008, anulado precisamente por non someter o Plan completo a dita avaliación, entre outros motivos, por conter proxectos como este, que non pasarían este requisito”, remata Rubén Pérez.