marea de vigo ante a cesión do edificio do museo da fotografía.

10 de Decembro de 2019

Oriana Méndez: “A liquidación definitiva do inmoble da Casa Galega da Fotografía como contedor cultural é un andazo máis na desertización cultural de Vigo”.

Marea de Vigo cualifica de insulto ao tecido cultural a cesión do edificio como futura sede da Deputación, “mesmo é un insulto aos promotores do inmoble como Casa Galega da Fotografía o considerar que unha exposición de fotografía nos sotos é crear un espazo cultural”.

Oriana Méndez, concelleira de Marea de Vigo, sinalou hoxe que “regalar máis patrimonio a outras administracións que evidentemente non o precisan é un erro, e o edificio da Rúa Chao debería formar parte da rede museística de Vigo que, logo da elección do novo director do M.A.R.C.O., está en elaboración. Sería un cambio significativo para evitar a desertización cultural da cidade”.

Tras moitos anos pechado e sen visos de artellarse un uso como contedor museístico, Marea de Vigo non comparte o uso que Concello e Deputación decidiron e que definitivamente desbota o uso proxectado orixinal como museo da fotografía de Vigo.

Desbota tamén a posibilidade de dotalo de persoal municipal trasladando alí, tal e como propuxo a Marea de Vigo, a parte histórica do arquivo municipal que hoxe está en constante deterioro xunto a un aparcadoiro na planta -2 do edificio do Concello, “onde miles de documentos se atopan en risco de desaparecer ao non existir iniciativas públicas máis aló da boa vontade e o traballo do persoal público adscrito ao servizo” matizou a concelleira.

Segundo Oriana Méndez, “Vigo ten que ter un espazo digno para os importantes fondos fotográficos que dispón, non soamente un espazo onde se conserven senón un espazo de interpretación e onde poder facer exposicións temáticas e mesmo encontros internacionais de fotografía, disciplina da que Vigo foi referencia nos 80 e 90.”

Nun momento no que debe repensarse a rede de museos municipais e nas que vai a realizarse un plan director de todos os museos como función engadida ao novo director do MARCO, liquidar este espazo é un erro de graves consecuencias futuras. Isto non é un feito illado en canto a atención que se lle da á cultura na nosa cidade, son moitas as asociacións culturais de música, teatro, danza, cine, etc… que nos últimos tempos teñen amosado o seu asombro porque Vigo estea fóra dos circuítos culturais do país e mesmo semelle non ser unha prioridade para este Goberno Municipal.