marea de vigo ante a convocatoria de pleno extraordinario polo “rescate” do vindel.

5 de Marzo de 2018

Marea de Vigo cualifica como inxustificada a convocatoria dun pleno extraordinario por parte do alcalde para pedir o rescate do Vindel despois de ignorar a súa presenza na cidade durante o tempo que estivo exposto no Museo do Mar.

Marea de Vigo, a través da concelleira Marga L. Barreiro, critica ademais que “é despropósito convocar outro pleno o mesmo día do pleno organizado polo Consello Municipal da Muller co gallo do 8 de marzo, eclipsando ata nese punto a atención, este é un exemplo de actitude incompatible coa defensa da igualdade, sendo os feitos e non as intencións os que definen as políticas.”

Vigo, 5-3-2018. Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, “o nivel de irresponsabilidade política que se esta dando arredor do Vindel por parte das administracións é análogo a falla de respecto que se lle ten á Universidade de Vigo, auténtica promotora dos traballos vinculados co Vindel, e a convocatoria deste pleno extraordinario así o demostra” explica Ruben Pérez.

Desde o mes de outubro que está o pergamiño na cidade de Vigo, e o goberno municipal, a pesar de afirmar no seu día a intención de organizar todo un abanico de actividades de divulgación arredor do mesmo, non fixo absolutamente nada. Hoxe, día no que se despedirá o Pergamiño, o alcalde anuncia a celebración dun Pleno Extraordinario para pedir o “rescate” do Vindel, tratando de xustificar así un interese que xamais existiu, e confirmando que a política cultural da cidade, unha vez máis, estase facendo “a golpe de ocorrencia” de Abel Caballero.

En canto á pretensión do propio acordo que pretende aprobarse en sesión plenaria, o grupo municipal da Marea de Vigo considera que está totalmente fóra de lugar, sendo este tipo de actuacións dunha competencia que excede á dun concello, e, de levarse a cabo, dun custe econímico inxente; “É tan absurdo coma se o concello de Gernica reclamara o rescate do cadro de Picasso” matiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal.