marea de vigo ante as denuncias e multas arredor da calidade da auga na nosa cidade.
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo pídelle seriedade e a asunción de responsabilidades ao Alcalde á hora de recorrer a multa imposta pola Xunta por ocultar a mala calidade da auga.
Xosé Lois Jácome: “Abel Caballero non pode utilizar como ‘chivo expiatorio’ ao mesmo laboratorio municipal que leva anos tratando de desmantelar, ademais do feito de que o seu goberno municipal é igualmente responsable de todas as áreas, onde se inclúe o propio laboratorio”
Vigo, 5-07-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo, á vista das analíticas tomadas polo persoal técnico da Xunta e polo Laboratorio Municipal onde aparecían uns niveis de ferro moi por enriba dos índices recomendados para o consumo, acudía no mes de maio á Fiscalía ao considerar a posibilidade de existir un delito contra a saúde pública por imprudencia grave, ao non informar nin advertir á cidadanía do estado da auga.
No escrito, Marea de Vigo pedía a apertura das investigacións pertinentes que determinaran as responsabilidades penais que puidesen corresponder tanto ao alcalde de Vigo como responsable último de asegurar que o xestor do subministro de auga no Concello de Vigo (FCC Aqualia, S.A.) realice dito subministro en condicións aptas para o consumo humano e á propia dirección de Aqualia como responsable da concesionaria encargada do subministro de auga para consumo humano no Concello de Vigo.
Ante a decisión por parte do PP vigués, Marea de Vigo afirma que “consideramos positiva a decisión do PP de Vigo de acudir aos tribunais pola ocultación e negación sobre o estado da auga en Vigo por parte do alcalde, mais o que tiñan que ter feito desde o PP vigués era premer á Xunta cando xa estaban enriba da mesa as analíticas que poñían en dúbida a idoneidade da agua de Vigo para o consumo humano”, ao mesmo tempo que lembra que “houbo nos pasados meses unha gran irresponsabilidade por parte da Xunta, cando non se tomaron as medidas precisas no momento no que se estaba a alertar da situación, tal e como si que fixeron no seu día en Ferrol no ano 2015, onde se aplicaron outros criterios e outra celeridade para declarar a auga non apta” segundo explica Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.
“O estado da auga na nosa cidade é unha cuestión suficientemente importante como para que todas as institucións relacionadas dalgún xeito coa mesma, asuman todas as responsabilidades e informen á veciñanza con veracidade e exactitude, ao contrario do feito ata agora, e tendo o claro obxectivo de tomar as medidas oportunas para evitar que se volvan a dar situacións nas que a saúde pública poida correr ningún tipo de risco” conclúe Xosé Lois Jácome.