marea de vigo ante as exencións do ibi na ap9 e no hospital álvaro cunqueiro.

2 de Febreiro de 2018

O Grupo Municipal da Marea de Vigo rexistrará unha moción para instar ao goberno a levar a cabo as accións oportunas para que Audasa pague integramente o IBI da AP9.

Rubén Pérez: “Queremos introducir o debate sobre a lexislación que permite que este tipo de estruturas concesionadas, como a AP9, teñan exencións do 95%no pago do IBI.”

Vigo, 2 de febreiro do 2018.- O Grupo Municipal da Marea de Vigo ofreceu hoxe unha rolda de prensa xunto ao deputado de En Marea no Parlamento galego Marcos Cal, para denunciar o que está acontecendo co pago do IBI da AP9. En Marea presentou unha iniciativa que foi apoiada pola unanimidade do Parlamento e está sendo rexistrada en forma de moción nos concellos por onde pasa a autoestrada.

Pola súa banda, Marcos Cal, deputado de En Marea no Parlamento galego, remarcou que “os beneficios que está tendo Audasa só se explican desde a conivencia político-empresarial, convertendo esta exención do IBI nun copago para a cidadanía dos municipios por onde pasa a autoestrada. Audasa está obtendo un 50% de beneficios sobre a facturación, cando a media do beneficio das empresas do país se sitúa no 7%”.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, destacou que en Vigo a cuestión do IBI está en debate permanente, “mesmo no día de onte coñecíamos tamén a sentenza que lle da a razón a empresa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro na cuestión da exención do imposto de bens inmobles, deixando ao Concello de Vigo sen poder cobrar case un millón de euros. Non é un hospital do SERGAS, e neste caso, a pesar de que o terreo si pertence ao SERGAS, o edificio, a infraestrutura non é pública senón que forma parte do patrimonio e da conta de resultados da UTE que xestiona o hospital. Polo que pedimos ao Concello de Vigo que recorra a sentenza”.

Marea de Vigo considera que tanto o tramo da AP9 que pasa por Vigo, como o Hospital Álvaro Cunqueiro son dúas infraestruturas que non deberían ter exención no pago do IBI, repercutindo estes cartos nas contas do Concello de Vigo en lugar de nas empresas privadas que as xestionan.