marea de vigo ante a falla de transparencia da mesa de contratación do parquímetro

15 de Decembro de 2016

O GRUPO MUNICIPAL DA MAREA DE VIGO CONSIDERA UNHA FALTA DE DEMOCRACIA E TRANSPARENCIA O NON CONTESTAR AS ALEGACIÓNS QUE O CADRO DE PERSOAL DO PARQUÍMETRO FIXO Á MESA DE CONTRATACIÓN A TRAVÉS DOS SEUS DELEGADOS SINDICAIS.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo responsabiliza aos responsables políticos da mesa de contratación que xestiona a adxudicación do servizo das consecuencias que isto poida traer.

35 consultas foron contestadas e ratificado o informe pola Xunta de Goberno Local, todas elas feitas polas empresas interesadas en presentarse ao concurso público, como partes interesadas, mentres que as 3 feitas polos delegados sindicais e perfectamente rexistradas foron ignoradas. Das 35, algunhas foron contestacións afirmativamente, outras negativamente ou mesmo algunha resposta foi pedindo mais información ao respecto. Incluso algunha é similar as presentadas polos delegados, no que respecta ao convenio colectivo de aplicación ou sobre as táboas salariais. Nin os representantes das e dos traballadores/as nin a Marea de Vigo comprenden os motivos que levaron aos responsables a ignorar as demandas. Lembrámoslle ao Goberno Municipal, que este tipo de dinámicas en materia de contratación pública pode ter graves consecuencias, tal e como vimos, por exemplo, co contrato de Parques e Xardins, no que dende o minuto 1 de adxudicación non deixaron de sucederse protestas e reivindicacións por parte das traballadoras e traballadores da concesionaria, ou mesmo este mesmo contrato, no anterior concurso, cando o cadro de persoal foi á folga nada mais entrar a nova adxudicataria.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo entende ademais que as empresas interesadas en presentar as suas ofertas tamén teñen dereito a saber as demandas do cadro de persoal que van subrogar con respecto ao prego de condicións, sobre todo porque estas demandas poden afectar mesmo a oferta económica. Demandas que mañá se poden converter en importantes reclamacións, como por exemplo o que afecta as instalacións que debe ter a empresa para prestar o servizo, cuestións importantes á hora de valorar os custes económicos por parte das empresas licitantes. Neste caso, entre outras reclamacións, hai un tema que non debe pasar inadvertido, como é o feito de que a empresa adxudicataria posúa nas súas instalacións, dun vestiario para o cadro de persoal. Feito que viña reflectido no anterior prego e que, por error ou omisión, non aparece no actual; sendo esta unha das demandas que non foron contestadas (o cal non é óbice para que non poidan ser reivindicadas)

Xa é tónica xeral neste Concello as protestas de traballadores e traballadoras de concesionarias públicas nas súas portas, o igual que os eternos recursos contractuais nos tribunais que rematan cun baile de empresas e por suposto cunhas consecuencias nefastas tanto para os cadros de persoal como para a cidadanía que paga eses servizos públicos.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, ao igual que os delegados sindicais do servizo dos parquímetros, fai única responsable á Mesa de Contratación, e pon en alerta as empresas licitadoras para que sexan conscientes da realidade.

Non obstante, e como non pode ser doutro modo, a Marea de Vigo sempre defendera a remunicipalización do servizo, situación na que este tipo de problemáticas non existirían.