marea de vigo ante a modificación da ordenanza de ocupación da vía pública.

21 de Outubro de 2019

Marea de vigo considera que as ordenanzas que regulan a ocupación da vía pública por terrazas e a  utilización privativa do dominio público local teñen que actualizarse urxentemente tanto á legalidade coma ás recentes sentenzas xudiciais.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal, afirma que “é incomprensible que o Goberno de Abel Caballero si que actualice a ordenanza reguladora de taxas por aproveitamento especial do dominio público local tras resolvese a favor das empresas telefónicas no tribunal supremo e nos xulgados do contencioso administrativo de Vigo e en cambio non se mova a de terrazas con sentenzas e lexislación que xa tiña que ter sido incorporada”.

Vigo, a 21-10-2020. Marea de Vigo recibiu xa o expediente que modifica a ordenanza de aproveitamento especial ou utilización privativa do dominio público local, na que equipara, por sentencia xudicial, a eliminar o parágrafo que establece diferencias na tributación para as empresas telefónicas soamente cando son titulares das redes.

Con todo, a Ordenanza Reguladora da instalación de terrazas na vía pública leva dende o 28 de abril de 2008 sen modificar a pesar de cambios legais como é a Orde do Ministerio de Vivenda do 1 de febreiro de 2010 (nº561/201) tendo o concello coñecemento, dende marzo de ese ano, das prohibicións expresas, e tendo tamén un prazo de 8 anos e 9 meses para adaptar a súa ordenanza ao anexo técnico de terrazas que figura na devandita orde. “Este feito é incumprido de xeito flagrante polo Concello de Vigo pese a que o grupo Municipal da Marea de Vigo alertou durante 4 anos da necesidade de abordalo urxentemente. Entre outras cousas, prohíbese a ocupación con mesas, cadeiras, mobiliario adosado á liña de fachada do inmoble, tendo ademais que habilitarse un ancho de peóns e viandantes de 1,8 metros, cuestión que entra mesmo en contracción co 1,2 metros que regula a actual ordenanza do Concello de Vigo” matiza Rubén Pérez.

Marea de Vigo engade ademais que se está incumprindo de xeito xeneralizado incluso a desfasada actual ordenanza, “que entre outras cousas prohibe a publicidade e o mobiliario asociado (mupis, etc…) na superficie da terraza así como a obrigatoriedade de deixar libre de obstáculos para uso de peóns a insuficiente franxa de 1,2 metros de ancho e so permite a dobre fila de mesas nas beirarrúas que teñan un ancho de 5,5 metros ou superior”. Ademais do feito de ser incongruente coa Ordenanza Reguladora da Convivencia e o Ocio, que tiña por obxectivo evitar o “o uso excluínte e abusivo dos espazos ocupados por terrazas e que puideran alterar a convivencia cidadá”.

“De feito – sinálase desde o Grupo municipal – tamén hai sentencias obrigatorias como a do 11 de febreiro de 2019 e o recurso de casación nº 1.152/2016 na que a sección quinta da sala terceira do tribunal supremo dictou sentenza nº 159/2019 na que anula calquera ordenanza municipal que contradiga a orde ministerial, o que se pode resumir en que, sinxelamente, varias das ordenanzas do noso concello deben ser anuladas de facto, ao resultar fóra da legalidade vixente”.

Nesta liña, Marea de Vigo sinala na súa emenda, que “o resto de ordenanzas deben revisarse anualmente coa fin de facer estas adaptacións legais e non cando o perigo de demandas xudiciais cheguen ao concello, como é o caso da de uso privativo do uso do dominio local cuxo período de alegación remata hoxe”.