marea de vigo ante as negociacións de abel caballero co ministro montoro para o uso do superávit.

9 de Marzo de 2018

Marea de Vigo afirma que negociar a ampliación das inversións financeiramente sostibles e non liberar recursos municipais sen a “faixa” do teito de gasto é soamente “fume”.

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, lembra que “construír unha biblioteca ou humanizar xa é posible facelo co uso da inversión normal dos concellos.”

Vigo 09-03-2018. Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, o feito de non avanzar na modificación do teito de gasto para Concellos saneados como o de Vigo e que nin se toque a posibilidade de ampliar persoal público nas conversas entre Caballero e Montoro contradí mesmo os acordos da Asemblea Xeral da propia FEMP. Os criterios de negociar exclusivamente a ampliación dos supostos de inversións financeiramente sostibles que recolle o Real Decreto 2/2014 sen artellar a derrogación do mesmo e a autonomía financeira dos concellos é un erro, “dando unha imaxe cara ao PP de defensor do municipalismo” que non se corresponde á realidade.

A través de políticas de austeridade fiscal e especialmente coa aprobación en 2012 da Lei Orgánica 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria e Sostibilidade Financeira, o Partido Popular, de facto, introduciu o criterio restritivo de usar o superávit e remanentes de tesourería dos concellos a través do uso perverso do criterio do “teito de gasto”, criterio que limita o capítulo inversor especialmente en emprego e servizos sociais.

“Que Abel Caballero simplemente negocie que eses supostos de inversións financeiramente sostibles se amplíen a dotacións culturais, deportivas, seguridade e quede fóra a posibilidade de empregar recursos para a creación de emprego, ampliación de coberturas sociais e fondos para a loita contra a pobreza e exclusión social é un erro e non forma parte da axenda política que os concellos progresistas e do cambio abriron na última asemblea xeral da FEMP” expresa Rubén Pérez.

O anuncio do alcalde de empregar o superávit do 2016, que o ministerio xa vai permitir empregar ás entidades locais sen esperar á aprobación dos PXE 2018, nunha biblioteca e en máis humanizacións é para Marea de Vigo absolutamente insatisfactoria. “En 10 anos xa podería ter construído varias dotacións culturais, deportivas e educativas se priorizase as inversións nestas áreas usando o capítulo inversor do concello que non depende de fondos do superávit. No seu lugar apostou pola reforma viaria concesionada a empresas construtoras sen retorno en emprego consolidado á cidade pero cunha campaña mediática conseguida a golpe de talonario” subliña o voceiro da Marea de Vigo.

Marea de Vigo di ademais que o que ten que estar de xeito urxente nas axendas de Abel Caballero e Montoro é a erradicación da regra de gasto que impide ás administración públicas empregar o remanente de tesoureria derivado de superávits fiscais (casi 100 millóns de euros no caso de Vigo) en financiar políticas económicas e sociais coas que garantir uns niveis mínimos de benestar. “Non pode ser que o pago da débeda pública priorice calqueira outro gasto dos recursos públicos que paga e xera a veciñanza das nosas cidades e vilas.”